DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2016

 MANUEL MARIAO poeta lucense Manuel María é o homenaxeado no día das Letras Galegas neste ano 2016. Trátase dun dos escritores galegos máis prolíficos e caracterizouse tanto pola súa extensa obra poética como polo seu profundo compromiso político co nacionalismo galego e a recuperación da cultura galega na clandestinidade, durante o franquismo.

  • Infancia e mocidade

Manuel María Fernández Teixeiro naceu en Outeiro de Rei, na Terra Chá, no ano 1929 no seu dunha familia de labregos máis que acomodada. Comeza a escola na súa vida natal, en plena Guerra Civil. Antes de ingresar no instituto, tivo a oportunidade de coñecer, grazas a un dos seus mestres, a literatura en lingua galega, algo que non deixa de ser sorprendente naqueles primeiros anos da posguerra.

En 1942 trasladouse a Lugo para estudar o bacharelato. Á morte do seu pai, tan só un ano despois de comezar os seus estudos en Lugo, o seu tío paterno fíxose cargo da súa educación. A súa vila natal converterase agora nunha especie de refuxio, e será alí onde aprenda a facer versos. En 1947 regresa a Lugo para rematar os seus estudos de bacharelato, onde comeza a súa precoz carreira literaria participando, á idade de 20 anos, no ciclo de conferencias “Jóvenes valores lucenses”. Esta primeira conferencia serviulle para entrar en contacto cos integrantes da tertulia luguesa do café Méndez Núñez, na que participan figuras tan destacadas das nosas letras como Ánxel Fole, Álvaro Cunqueiro, Carballo Calero ou Luís Pimentel, entre outros, que o poñerán en contacto coa realidade galega, tanto interior como do exilio.

  • Primeiras obras

Os seus versos viron por primeira vez a luz na revista de poesía Xistral, fundada por Pimentel.Posteriormente, convértese en editor da devandita publicacióne escribe o seu primeiro poemario, Muiñeiro de brétemas(1950).

O seu primeiro libro de poemas, que acada un grande eco nos xornais e recibe o eloxio de figuras como Otero Pedrayo, ten un triplo valor histórico: é o primeiro libro que publica Manuel María, é a primeira obra que sae á luz dun poeta novo e é o texto que marca a aparición dunha nova corrente poética na lírica galega: a Escola da Tebra.Manuel María foi, xunto con Cuña Novás, o iniciador desta corrente de temática existencialista na que se encadran a súa primeira obra, e outras como Morrendo a cada intre (1952) e, especialmente, Advento (1954).

En 1953, Manuel María regresa a Lugo e un ano despois  gaña os Xogos Florais de Ourense. Alí, coñece a algúns dos máis importantes intelectuais ourensáns como Florentino López Cuevillas, Antón Tovar ou Vicente Risco.Nese mesmo ano, comezou a colaborar na revista Alba.

Posteriormente, gaña Premio Castelao de Poesía do Centro Galego de Bos Aires e escribe a primeira redacción de Terra Chá(1954), que é un verdadeiro reencontro coa vida chairega e coas súas raizames labregas. Son anos de intensa creación poética, que se traduce en diversos libros, moitos dos cales permanecerán inéditos longo tempo.

En 1956 Manuel María coñece a Saleta Goi e ábrese aí unha nova etapa persoal na vida do escritor. Casan en Lugo tres anos máis tarde e pouco despois instálanse os dous en Monforte de Lemos, onde o poeta exercerá a actividade profesional de Procurador até a súa xubilación.

  • Traxectoria poética

Manuel María cultivou todos os xéneros literarios, pero destacou fundamentalmente como poeta.

  • Manuel María pertence ao grupo de autores que integran a denominada Xeración das Festas Minervais. Os autores deste grupo, nados entre 1930 e 1940, reciben este nome porque case todos participaron e foron premiados nas Festas Minervais da Universidade de Santiago mentres eran estudantes. Estes poetas xa non viviron directamente a Guerra Civil, mais criáronse no clima de represión da posguerra. Como resposta, procuran referentes culturais externos e novas formas de expresión. Ademais, son a xeración que recupera na clandestinidade a acción política nacionalista de esquerdas. Algúns autores desta xeración integraron o grupo Brais Pinto, formado en 1958 por mozos galegos, a maioría estudantes, residentes temporalmente en Madrid. Os autores máis destacados desta xeración serán, ademais de Manuel María, Uxío Novoneyra e Méndez Ferrín, dúas figuras clave ás que coñecerá ao longo da súa vida.
  • En poesía, cultivou moitas das tendencias literarias da época. As súas primeiras obras poéticas inscríbense na temática existencial da chamada Escola da Tebra, unha das correntes dominantes da poesía galega posterior á Guerra Civil Española, parella no tempo á poesía social e caracterizada pola angustia, a soidade e a desesperanza.
  • Posteriormente cultiva a poesía paisaxística, na que, á par de Novoneyra, tamén inaugura tendencias e que constitúe outro dos piares da súa poética.
  • Nas décadas de 1960 e 1970, A súa obra literaria diversifícase e multiplícase e, de acordo cos novos tempos , o tema que predomina na súa obra será osocialrealismo. Desta época cómpre destacar libros como Documentos persoaes (1958) e Mar Maior (1963), Versos para un país de minifundios (1969), Versos para cantar en feiras e romaxes (1969), Remol (1970), Canciós do lusco ao fusco (1970)…
  • Desde finais da década dos 70, a súa poesía acada unha expresión máis íntima e humanista e nestes anos escribe e publica talvez o seu máis rico corpus poético, destacando obras como Poemas ao outono (1977) ou Compendio de orballos e incertezas (1990).

Outros xéneros que tamén cultivou foron:

  • Teatro: escribiu pezas como Auto do mariñeiro (1961), Barriga verde (1970) ou Unha vez foi o trebón (1976)…
  • Narrativa: Contos en cuarto crecente (1952), Cando o mar foi polo río (1992), Os entes do silencio (1990)…
  • Ensaio: A presencia do mar na poesía galega (1991); Raimon, poeta do noso tempo (1967), Noticia da poesía galega de posguerra (1972)…

Ademais cómpre destacar tamén unha importante obra de poesía dirixida ao público infantil, comaOs soños na gaiola (1968)

                                  Irea López Rodríguez, 2ºE BAC

Podes consultar máis información  aquí.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar un comentario