Arquivo por etiquetas: Premio San Clemente

Presentación de OS FILLOS DO MAR na entrega do Premio San Clemente

Eu son…BALBINO. Un rapaz da aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre.

Así se presenta o protagonista da novela máis popular da literatura galega: Memorias dun neno labrego.

51 anos despois, o eco desas palabras volven resoar na novela de éxito máis recente: Os fillos do mar.

O meu nome é Simón. Aínda que tamén podería ser Nada. Se me descoido, xa nin os amigos chaman.

SAF_0364

Clara e Sara na Presentación de Pedro Feijoo

Estamos plenamente convencidos de que o noso autor galardoado, Pedro Feijoo, non está a facer de forma consciente un paralelismo entre os dous protagonistas: Balbino e Simón, pero no “océano da memoria” dos lectores hai correntes subterráneas que conectan as lecturas máis recentes con outras que se fixeron anteriormente. Por iso podemos ver en Simón un fillo daquel Balbino que herdou a condición de Ninguén pero tamén a súa fonda humanidade e a súa xenerosa bondade. E, por suposto, a afección pola aventura. Agora non se trata da rebusca de chapas no campo da festa senón de tesouros que esixen máis risco coma o que se agocha na Boca do Inferno.

Os fillos do mar é, sobre todo, unha novela de intriga e aventuras, centrada nun tesouro xenuinamente galego, o ouro de Rande, pero coma as matrioscas, contén no seu interior outros xéneros narrativos. Hai pinceladas de novela negra, evidentes no relato da policía e os narcotraficantes, e moitas páxinas de novela histórica. Gozamos das aventuras dos dous protagonistas, Simón e Mariña, pero tamén aprendemos moitas cousas sobre a represión na posguerra, sobre o nazismo e a Batalla de Rande. E descubrimos que en Vigo houbo un arquitecto francés racional e con bo gusto: Michel Pacewicz.

Aprendemos, Pedro, que ás veces é necesario levantar unha falsa fachada para defender na trastenda unha causa nobre, como fixo Eneas coa súa empresa Troia.

A novela engancha desde o primeiro momento, e como a samesuga que non é quen de deixar de chuchar, nós tampouco dabamos abandonado as aventuras de Simón e Mariña. Unha páxina pedía outra. O estilo áxil, marcado por unha linguaxe sinxela e unha fina ironía, tamén favorece esa conexión intensa co lector. E parécenos un acerto a organización da novela en escenas, porque facilita a comprensión dos saltos temporais que se producen no fío da historia.

En fin, moitas grazas, Pedro, por converter en realidade o que sempre se di da obra literaria: debe servir para gozar.

Nós gozamos moito, moito, con ela.

 Sara Mouriño e Clara  Durán (ex-alumnas)

SAF_0687

Pedro Feijoo asinando exemplares da obra premiada

Deixar un comentario

Arquivado en Presentación

Presentación de PEDRO FEIJOO na entrega do Premio San Clemente

Pedro Feijoo é de Vigo. Naceu vinte anos antes ca nós, en 1975. De pequeno puido escoitar a voz e as historias dun dos grandes mestres da literatura: Álvaro Cunqueiro. Coñeceuno a través de seu avó nas oficinas de Faro de Vigo. Como sabedes, o escritor mindonense foi durante anos periodista e mesmo director do xornal e o avó de Pedro, un dosredactores. Do autor de Merlín e familia herdou a navalla con que cortaba o queixo no momento da cea e tamén o seu gusto pola fábula. Ademais de Cunqueiro, os seus referentes creativos abranguen autores como Xulio Verrne, Dickens, Eduardo Mendoza, Woody Allen e Suso de Toro, a quen considera o seu valedor e titor dos primeiros pasos no mundo da creación literaria.

SAF_0372

Clara e Sara na Presentación de Pedro Feijoo

Pedro Feijoo licenciouse en Filoloxía, pero a súa vida estivo centrada no mundo da música. Ademais de compositor e promotor, formou parte de dous grupos: Los Feliz e Lamatumbá. Quen siga o Xabarín Club pode recoñecer a Pedro tocando o baixo no videoclip A festa son eu, gravada por Lamatumbá para o programa da televisión de Galicia en 2011.

Escoita, Xabarín! / Teño unha festa no meu peito que é o motor da miña vida…

Comeza así a canción do videoclip, por se alguén quere facer memoria. Sobre o panorama musical galego escribiu en 2005 o libro Viva o Fu Remol.

No ano 2012 veu a luz a súa primeira novela: Os fillos do mar. A obra tivo un parto excelente. Como se adoita dicir popularmente, foi chegar e encher. Ademais dos galardóns, novela finalista dos Premios Xerais 2011 e posteriormente Premio San Clemente, a obra tivo unha excelente acollida por parte do público e da crítica. Nestes momentos vai na súa sexta edición. Hai 3 meses publicou a súa segunda novela: A memoria da choiva

.

Estes son os datos autobiográficos, pero como é o artista que se agocha detrás do autor Pedro Feijoo? Na cabeceira da súa conta de Twitter ten escrita a seguinte lenda:

Pirata, psicópata e ladrón. Só na escrita. De momento…

Quen lea a súa obra literaria non tarda moito en descubrir que detrás do escritor de carne e óso se agocha un aventureiro que non ten ningún remordemento para usar as naves da ficción e entrar nas mentes dos lectores e roubarlles o seu tempo e incluso o seu sono. Iso foi o que sentimos nós cando lemos Os fillos do mar: que a súa historia nos roubaba ata o sono.

Desa novela que te trouxo aquí, Pedro, imos falar agora.

Clara Durán e Sara Mouriño (ex-alumnas)

SAF_0386

Intervención de Pedro Feijoo

Deixar un comentario

Arquivado en Presentación