Arquivo por etiquetas: Os fillos do mar

Presentación de OS FILLOS DO MAR na entrega do Premio San Clemente

Eu son…BALBINO. Un rapaz da aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre.

Así se presenta o protagonista da novela máis popular da literatura galega: Memorias dun neno labrego.

51 anos despois, o eco desas palabras volven resoar na novela de éxito máis recente: Os fillos do mar.

O meu nome é Simón. Aínda que tamén podería ser Nada. Se me descoido, xa nin os amigos chaman.

SAF_0364

Clara e Sara na Presentación de Pedro Feijoo

Estamos plenamente convencidos de que o noso autor galardoado, Pedro Feijoo, non está a facer de forma consciente un paralelismo entre os dous protagonistas: Balbino e Simón, pero no “océano da memoria” dos lectores hai correntes subterráneas que conectan as lecturas máis recentes con outras que se fixeron anteriormente. Por iso podemos ver en Simón un fillo daquel Balbino que herdou a condición de Ninguén pero tamén a súa fonda humanidade e a súa xenerosa bondade. E, por suposto, a afección pola aventura. Agora non se trata da rebusca de chapas no campo da festa senón de tesouros que esixen máis risco coma o que se agocha na Boca do Inferno.

Os fillos do mar é, sobre todo, unha novela de intriga e aventuras, centrada nun tesouro xenuinamente galego, o ouro de Rande, pero coma as matrioscas, contén no seu interior outros xéneros narrativos. Hai pinceladas de novela negra, evidentes no relato da policía e os narcotraficantes, e moitas páxinas de novela histórica. Gozamos das aventuras dos dous protagonistas, Simón e Mariña, pero tamén aprendemos moitas cousas sobre a represión na posguerra, sobre o nazismo e a Batalla de Rande. E descubrimos que en Vigo houbo un arquitecto francés racional e con bo gusto: Michel Pacewicz.

Aprendemos, Pedro, que ás veces é necesario levantar unha falsa fachada para defender na trastenda unha causa nobre, como fixo Eneas coa súa empresa Troia.

A novela engancha desde o primeiro momento, e como a samesuga que non é quen de deixar de chuchar, nós tampouco dabamos abandonado as aventuras de Simón e Mariña. Unha páxina pedía outra. O estilo áxil, marcado por unha linguaxe sinxela e unha fina ironía, tamén favorece esa conexión intensa co lector. E parécenos un acerto a organización da novela en escenas, porque facilita a comprensión dos saltos temporais que se producen no fío da historia.

En fin, moitas grazas, Pedro, por converter en realidade o que sempre se di da obra literaria: debe servir para gozar.

Nós gozamos moito, moito, con ela.

 Sara Mouriño e Clara  Durán (ex-alumnas)

SAF_0687

Pedro Feijoo asinando exemplares da obra premiada

Deixar un comentario

Arquivado en Presentación