Arquivo da categoría: Recensión

Recensións de “A memoria da choiva”

pedroLin A memoria da choiva o Nadal pasado para o clube de lectura do instituto. Era o libro máis longo dos que había para escoller, pero unha das profesoras da biblioteca díxome  que era moi entretido e seguín o seu consello.

Cando o empecei non tiña ningún tipo de idea preconcebida porque non leo nunca as sinopses das contraportadas dos libros. Normalmente a causa disto estou perdida nos primeros capítulos, pero no caso de esta obra, foi moi fácil situarme dende o principio.

Empeza cunha mensaxe ou pensamento desgarrador do asasino, que de no o voltar ler despois de rematado pasaría completamente desapercibido.

Inmediatamente despois, Pedro Feijoo comeza a acción e fai ao protagonista desplazarse ó escenario do primeiro dunha serie de crímenes que teñen como única pista de investigación a relación literal que comparten cos poemas de Rosalía de Castro. Para atopar ao asasino, Aquiles Vega, pide axuda a Sofía Deneb, una experta rosaliana, para resolver o caso, salvando así a súa reputación sendo coñecido por unha metedura de pata en Twitter cando ía borracho.

Esta parella móvese polas rúas de Compostela e Padrón seguindo e buscando pistas de Adriano, que é como se fai chamar o sanguinario asasino que ten como obxectivo vingar o destino que lle foi arrebatado a el e á sua nais Ariel, tataraneta de Rosalía, e á mesma poeta, á que sinte todavía máis ó seu carón,  por culpa do que dirán os veciños dos pobos polos que foi nacendo esa descendencia que quedou soterrada.

Para min, o personaxe máis destacable é Sofía, que vai cambiando de actitude durante toda a historia, empezando por unha posición distante e de superioridade, seguindo por temerosa  ó ter recibido un correo electrónico do asasino. Por ese motivo comeza unha dependencia co seu novo amigo Aquiles para resolver o misterio e deixar de sentir que pode ser a siguiente vítima. Esta proximidade causa un oco no duro carácter que ten e fai que se deixe levar polos seus sentimientos intentando estar con el dunha forma máis íntima. Sempre foi fiel ós seus principios e ó seu amor pola poeta, incluso cando se ve diante de Adriano, o conserxe da fundación de Padrón, quen a abandona en Catoira para que Aquiles a salve e non poda perseguilo a el e absterse de pagar polas mortes que causou.

Ten un final lixeiramente aberto que deixa pensar en que pasaría despois, cando Adriano y ela están na mesma cidade catalana.

Gustoume bastante e aínda que era un pouco lento nalgunas partes, foi moi entretido.
É unha grande homenaxe a este símbolo gallego, contado a súa historia dunha forma moi pouco convencional.

Cristina Fernández Sande
1º Bach C

A MEMORIA DA CHOIVA

 

Non é a primeira vez que Pedro Feijoo adica un dos seus libros ao recoñecemento dalgún autor galego. Fíxoo anteriormente, en 1977, coa publicación de ‘Cousas de Galicia’ por Castelao, en forma de ensaio.

Nesta ocasión temos como agasallo a figura de Rosalía de Castro, quen lle da sentido a unha apaixoante historia. Nela os seus versos sirven de fío condutor para dar co culpable dunha terrible cadea de asesinatos cheos de brutalidade, sangue, violencia… pero sobre todo de letras. 

Os personaxes principais, unha filóloga e un periodista, corren por Padrón, Coruña, etc, en busca de información que lles axude a poñer fin a esa multitude de mortes. Mentres, entre eles comeza a forxarse algo máis ca unha simple amizade. 

Non obstante, o escenario principal son as rúas de Compostela, descritas dun modo exacto e fotográfico dotan á obra de verosimilitude.

Novela recomendable, que vai máis alá do entretemento do lector, se non que esperta nel unha curiosidade e admiración cara a propia figura da autora galega.

 Ana Carreira Casais 1ºC

Deixar un comentario

Arquivado en Recensión

Recensión de “Memoria da choiva”

pedroEsta obra trata da investigación que realizan Aquiles Vega, un xornalista expulsado d’El País por publicar na conta do xornal un chío no que critica a suba do gas por parte do noso actual presidente, e Sofía Deneb, unha aclamada filóloga especializada en Rosalía de Castro, para deter a Adriano, un asasino en serie cuxos crimes están relacionados con esta coñecida autora galega postromántica.

A primeira vista, esta novela ten os trazos propios do xénero policíaco, aínda que cuns asasinatos realmente violentos, pero sen ser diferentes aos que hoxe se poden ven na televisión. Para min, o que a fai realmente especial é a introdución do aspecto rosaliano, tanto de forma directa, cando fala dos seus poemas, que son enviados por correo electrónico, ou da súa practicamente descoñecida vida familiar, tanto súa como de Murguía e dos seus descendentes, como de forma indirecta, con pequenos detalles gardados como agasallo para os verdadeiros amantes de Rosalía, por exemplo, o fogar de Sofía Deneb, o número 41 da Rúa do Vilar, correspóndese co lugar onde vivíu a poetisa os derradeiros suspiros da súa nai. Outro aspecto realmente interesante é a gran verosimilitude que acada o autor describindo lugares tan emblemáticos e tan relacionados con Rosalía como o noso instituto, que leva o seu nome, a faculdade de filoloxía da USC, onde se realizaron e se realizan un amplo número de estudos sobre esta persoa, ou a Fundación Rosalía de Castro, en Padrón.
Ademais, outro gran aporte ao realismo é o uso de xente real na obra, cambiándolle os nomes, algunha das cales non se sentiu moi contenta coa homenaxe de asasinala na bañeira da súa casa. De todas maneiras, gustaríame facer especial fincapé no tempo e esforzo que fixo Pedro Feijoo para documentarse, aproximadamente dous anos.

En conclusión, Pedro Feijoo conseguiu mesturar novidade, co xénero policíaco, que xa resulta excesivo, e a gran importancia que se lle dá á tecnoloxía como twitter dentro da trama, con tradicionalismo, a enorme obra da autora galega máis recoñecida. Con esta innovación, ao igual que fixeron Lorca, Alberti e os seus compañeiros da xeración do 27 coa poesía, Pedro Feijoo combina o novo co vello para facer unha obra de arte que trata outras obras de arte.

Ramón Daniel Regueiro Espiño (1ºBI)

Deixar un comentario

Arquivado en Recensión, Uncategorized

Recensión de Memoria da choiva, de Pedro Feijoo

feijooAquiles Vega, periodista cun tanto desafortunado pasado laboral, é chamado polo seu amigo o inspector Andrés Casaperda para investigar un crime de non só un personaxe coñecido, pero tamén cometido cunha brutalidade inusitadamente extrema. Este caso non parece ter ningún sentido. Non parece haber un obxetivo claro para tanta crueldade. Mais un símbolo parece outorgar unha nova perspectiva ao suceso, coa cal Aquiles se obsesionara ata encontrar a verdade oculta ante todo isto. Busca a axuda da profesora Deneb, experta nun dos iconas da literatura galega, Rosalía de Castro.
A partir de aquí comeza unha serie encadeada de asasinatos, misterios e trama ocultas que xiran entorno á vida e obra desta personaxe. Será quen Aquiles de parar a Adriano?
Nesta novela, pese a tensión presente polos asasinatos, tamén encontramos temas como o amor ou a familia. A historia está narrada na súa maioría pola personaxe de Aquiles, o protagonista. Pero tamén hai pequenas elipses nas que se traslada a voz a Adriano, o culpable dos crimes, que supoñen como pequenos monólogos nos que se vai explicando das razóns que ten para matar ás vítimas a cada unha delas.
É unha novela de temática claramente policial, pero a diferenza que marca co resto de obras deste xénero, é o papel que xoga nela unha figura tan coñecida como é a de Rosalía de Castro. Persoalmente, considero que, como moitos grandes da literatura, Rosalía é moi idealizada pola cultura popular, tanto que pode chegar a facerse pedante volver a ler os seus versos, repetidos continuamente non só na educación, senón tamén en anuncios e demais publicidade. Pero esta novela non a trata coma tal. Nesta obra presentase o lado máis escuro e descoñecido desta poeta, e dá unha nova perspectiva a gran parte da súa obra, con tal cantidade de detalle que deixa ao lector incapaz de xulgar se o que está lendo é en verdade ficción ou realidade.
Por outra parte, en contraposición coa escura cara que se nos presenta da vida da escritora, o autor xoga tamén co tema das relacións amorosas. Trátaas dende dúas perspectivas diferentes: a que sería a idea dunha relación cotiá de namoramento, coas inseguridades que xorden e as pequenas cousas que fan comezar unha relación deste tipo; e a que sería unha perspectiva moito más obsesiva e malsá. Non obstante, pese a que as presenta, non afonda demasiado nelas, para non quitarlle atención á acción principal, o que fai que vexamos estas relacións como unha explicación dos motivos para as accións das distintas personaxes.
Moitos dos asasinatos descritos producen unha imaxes cando menos perturbadoras. Tanta violencia produce no lector a impresión de que o asasino debe ter un motivo moi retorcido, profundo e psicoloxicamente complexo para ela. Mais este é un dos moitos fíos soltos da novela, pois trala resolución non conseguimos encontrar esa resposta concreta.
A obra ten en xeral un estilo de narración moi dinámico e entretido, con certos trazos de ironía e de humor que, xunto coa intriga , fan que o lector se enganche á lectura e se pregunte ao rematala canto hai de verdade e canto hai de ficción.

Marta Casais H (1ºBI)

Deixar un comentario

Arquivado en Recensión

OPINIÓN sobre A vitoria do perdedor

Carlos Reigosa fai comezar A vitoria do perdedor cunha cita do novelista, ensaísta e dramaturgo francés Albert Camus:

 “Foi en España onde a miña xeración aprendeu que un pode ter razón e ser derrotado, que a forza pode destruír a alma, e que ás veces a coraxe non obtén recompensa. Isto explica sen dúbida por que tantos homes no mundo consideran o drama español como unha traxedia persoal.”

Esta cita de Camus recolle unha das ideas principais que axexan ao longo de toda a novela: os que defenden a xustiza, a dignidade do pobo, aqueles destinados a gañar, perden; mentres, os inimigos da liberdade, impoñen a súa forza.carlos_g_reigosa

A historia constitúese coma una viaxe interior na alma revolucionaria dun guerrilleiro a destempo, que cando a súa razón lle permite observar con escepticismo a estratexia seguida na loita obreira anos atrás, chega a morrer en defensa dos seus ideais anarquistas. Trátase de facer a xustiza que non se alcanzou no seu momento: Arcadio convértese nun vingador de todos aqueles que sufriron e morreron pola súa causa: “E esta será a miña obra, a que non puidemos facer en España, comprendes?” (páx. 145).

Arcadio non leva a cabo os asasinatos nun desexo vaidoso de alcanzar un recoñecemento persoal: “O esquecemento liberaranos. Por iso eu aspiro ao esquecemento, a non ser lembrado por ninguén(páx 188). Mais, a pesares disto, atopa suxestivo o feito de poder “axitar aquel remoto recuncho de modo que nunca volvese ser igual” (páx. 124). 

Pablo Calviño Tato, 2º D Bach

Deixar un comentario

Arquivado en Recensión

A VITORIA DO PERDEDOR, Carlos G. Reigosa. Premio San Clemente 2014

A vitoria do perdedor de Carlos G. Reigosadescarga é unha novela de acción trepidante e que consegue atrapar a atención do lector desde a primeira páxina. O libro presenta a historia de Arcadio Macías, un perdedor da guerra civil española que se sente roto interiormente. Macías vive agochado nunha casa labrega dunha aldea de Galicia. Cre que o tempo das súas loitas como anarquista xa rematou e quere, por todos os medios, fuxir do país. Un ataque das milicias franquistas ó seu agocho vai facer que se quede na zona máis tempo. Ademais, a loita contra o autoritarismo que se desenvolve na bisbarra reavivará os seus pensamentos revolucionarios e fará de Arcadio Macías un valente, solitario e vingador soldado. Macías cambiará para sempre a realidade da comarca de Valterra.

Deste libro chamáronme a atención de xeito positivo moitos aspectos. Gustoume especialmente a atención e detalles cos que aborda o autor a memoria da guerra e da posguerra en Galicia. Este período da nosa historia non era moi coñecido para min e o libro axudoume a descubrilo con máis detalle. Reigosa trata a guerra civil dunha maneira moi coidada, que ás veces semella ata didáctica, pero sen deixar de dar conta dos seus amplos coñecementos sobre o tema.

Tamén me interesou moito a linguaxe e o estilo que usa Carlos G. Reigosa para describir os homicidios que Arcadio comete. Un vocabulario directo, que non esconde nada. Ademais parecéronme destacables as duras cavilacións que se realizan sobre a situación política e a vida da época en que se desenvolve a narración. O seu xeito de presentar o ambiente daquel tempo facilita a comprensión da situación na que se atopaban os personaxes. As reflexións sobre a vitoria, sobre a derrota e sobre as súas consecuencias resultan tamén moi interesantes. Ademais, o autor domina a técnica narrativa para obrigarnos a deliberar sobre as relacións directas que se acostuman dar entre violencia e vinganza.

En toda a novela hai dous personaxes que me chamaron moito atención, Eulalia e o seu pai Mauricio. Os dous, caracterizados pola dozura, calma, bondade e a inocencia, resultan o contrapunto do resto personaxes, presentados como duros e escuros.2013_3_11_9x0NlIdwpcshdbE13BBrm1

Considero que A vitoria do perdedor é un libro totalmente recomendable para lectores da miña idade, e especialmente para aqueles interesados na guerra civil e na posguerra en Galicia. A novela sabe achegarnos á dura memoria dun tempo xa case esquecido.

  Andrés Sousa, 1º BI

Deixar un comentario

Arquivado en Recensión

ZAPATILLAS ROTAS, Xabier Quiroga

No derradeiro trimestre deste curso ofrecéusenos aos alumnos de 2º de Bacharelato a posibilidade de ler obras actuais da literatura galega –concretamente desta década que andamos. Entre as propostas Zapatillas rotas chamoume vivamente atención non tanto polo título como por esa  breve sinopse que brindaba a contraportada.Quiroga

“Trata, ao cabo e sen ocultar o sarcasmo, dos valores desta sociedade en crise irreversible”. O resumo augura o ton crítico e mordaz que acompañará toda a trama da novela e que por veces provocará o sorriso. Un sorriso de carácter cínico ante esa sorte de hedonismo fervoroso que semella impregnar cada acción que emprendemos. Un sorriso na cara dun lector que sabe que a obra é unha descrición axustada da sociedade actual e por ende, del mesmo. Non obstante, algúns personaxes logran escapar a esta vida consumista e centrarse niso esencial que case sempre pasa desapercibido: “un vello e un parado, figuras paradigmáticas deste inicio de século”. Estes son os individuos que máis simpatía inspiran tanto ao narrador coma ao lector, os máis queridos, precisamente porque pode que sexan aqueles nos que todos quereríamos converternos.Zapatillas

A novela preséntase coma un entrecruzamento de historias. A trama está composta por breves escenas que suceden no presente (a excepción dalgunhas analepses) e corresponden a diversos personaxes. As escenas comezan a narrarse sen previa presentación dos que interveñen nela ou onde se atopan. Ë o lector o que, a través de escasas referencias, ten que “orientarse” nesa precipitación de acontecementos. Este esforzo mental permite gozar máis da obra. O lector está obrigado a permanecer sempre alerta, a moverse ao longo de centos de quilómetros polo panorama galego e a pórse na pel de diferentes personaxes constantemente. A lectura evita así a monotonía e posibilita un accelerando, unha cascada de escenas que culmina nun clímax vibrante.

Doutra banda, non pode deixar de salientarse o tema da vellez, forza motriz da trama, e, formando parte do seu núcleo, o ton manifestamente triste, case tráxico. Atopámonos ante unha visión íntima, case abatida e pode que mesmo rendida do futuro de  todos nós. Un futuro que leva incluído na súa propia esencia o pesar. A terceira idade é concibida pola sociedade actual coma un estorbo. Nun mundo onde todo sucede cunha rapidez alarmante (e cunha falta de control non menos perturbadora), non queda lugar para os vellos. Vense abocados ao ostracismo. Son un produto dunha era xa pasada. Unha época morta e da que algúns non comprenden porque non se atopa xa enterrada. Non entenden a súa utilidade e, nunha comunidade onde as persoas son simples medios, algo inservible, tírase ao lixo.

E, non obstante, a novela tamén debe se entendida coma un canto á vida. Tal vez a mellor metáfora sexa a de brotes de felicidade nun mar de tristura. Pequenos retallos de esperanza na escuridade da idade máis difícil da nosa vida e dunha sociedade en manifesta  crise de valores. Pero esta historia pode que non sexa senón o punto de partida cara a algo novo; e é precisamente iso, esa promesa dun mañá mellor, o que máis apreciei do libro.

Sergio Rey Blanco, 2º BI

Esta obra foi Premio da Crítica 2014. Outras obras do autor.

Deixar un comentario

Arquivado en Actividades, Premios, Recensión

Ardalén de Miguelanxo Prado

Unha das lecturas propostas no Fiadeiro do último trimestre foi Ardalén, unha novela gráfica do coñecido autor Miguelanxo Prado. Este xénero innovador chamou a miña atención en canto ás viñetas que contiña, semellantes ás doutras obras do mesmo autor que xa tiña visto.

 Trátase dunha novela gráfica, unha historia co mesmo valor literario ca unha novela tradicional. Recolle as características da novela, como poImaxeden ser a construción dunha atmosfera literaria envolvente, os tempos narrativos ou o desenvolvemento da acción e asemade engade aspectos visuais de grande calidade: ilustracións, debuxos ou gráficos.

Debemos diferenciala, polo tanto, do cómic: unha historia curta de publicación periódica, en serie ou en volumes distintos, e tradicionalmente dirixido a un público infantil ou xuvenil.

 A novela gráfica Ardalén, Premio Nacional de Banda deseñada no ano da súa publicación (2012), conta a historia de Sabela, unha muller que intenta buscar as súas orixes pois hai un baleiro na súa vida debido á desaparición dun dos seus avós, emigrado en Cuba. Isto leva á protagonista a viaxar a unha pequena aldea de Galicia, onde coñece a Fidel, un ancián que podería saber algo da historia do seu avó. A ansia de Sabela porque este personaxe recorde dá lugar a unha estreita relación entre ambos. Unha experiencia onírica revélalle ao ancián parte da historia do avó de Sabela en Cuba, e a partir de aí a historia vaise precipitando cara ao seu final.Imaxe

Podemos observar nesta obra unha especie de realismo máxico, polos recursos que o autor utiliza e polo xeito de contar a historia. O autor emprega elementos poéticos na presentación de Galicia e a súa paisaxe, así como o problema de memoria que se crea en torno a Fidel, que dá lugar a unha confluencia do real representado en Sabela e o onírico ou dubidoso por parte de Fidel. Miguelanxo presenta por tanto, unha visión ilustrada dos límites entre a realidade e a fantasía, o recordado ou inventado que atrapa ao lector e o introduce na historia dende o comezo do libro.

 Persoalmente, a obra resultoume entretida e de fácil lectura, aínda que en ocasións teña unha compoñente marcadamente poética. As ilustracións fan máis amena a lectura e facilítanlle ao lector a tarefa de imaxinar tanto os personaxes como os ambientes ou paisaxes. Igualmente fíxome reflexionar sobre o real, o ficticio e os recordos: a memoria non é obxectiva, polo que non podemos saber se verdadeiramente somos o que recordamos ou se estes recordos se constrúen sobre imaxinacións ou idealizacións propias dos feitos.

 Alba Montero Tembra, 2ºBI

 Imaxe Imaxe

Deixar un comentario

Arquivado en Recensión

Hotel Memória de João Tordo

Este foi o libro en portugués que se nos propuxo como lectura desde o Fiadeiro literario Rosalía para o primeiro trimestre do curso 2013/2014.hotel-memoria

Trátase dunha novela do 2007, o seu autor naceu  en Lisboa no ano 1975, é Licenciouse en Filosofía e estudou Xornalismo e Escrita Creativa en Londres e Nova York.  As súas obras foron traducidas a varios idiomas, polas que foi nominado e gañador de diversos premios literarios, como o coñecido Premio Literario José Saramago.

João Tordo especializouse en ‘romances’ policiais, lembrando ao autor Paul Auster polos ambientes urbanos e temas  relativos ao submundo das grandes cidades. Esta cita de Auster figura figura na novela de Tordo “Afinal, a memória não é um acto de vontade. É uma coisa que acontece à revelia de nós próprios.”

Hotel Memória é unha novela ambientada na cidade de Nova York, onde un bolseiro europeo vive unha serie de inquietantes e perigosas aventuras;  despois da morte inesperada e violenta da súa compañeira, Kim, ten que deixar a bolsa de estudos  e chega a converterse en detective privado para investigar a desaparición dun fadista chamado David da Silva. Ao longo da investigación, o protagonista atópase por veces ao bordo da morte, pero finalmente consegue o seu propósito e desvela o segredo que esa desaparición escondía.Saramago_e_Tordo

Este libro remóntanos á idea de fraxilidade asociada aos emigrantes que se atopan nun país descoñecido, sen os apoios da familia e amigos de toda a vida, alí deben sobrevivir e buscar unha nova vida con novas amizades e relacións. Móstranos tamén unha atmosfera de marxinalidade asociada ao mundo do fado, acercando ao lector tanto á cultura portuguesa como á vida no país americano.

Durante a xuntanza do Fiadeiro literario, alumnos e mestres expuxemos qué foi o que nos gustou do libro e cales foron os puntos débiles que lle atopamos. Ao estar escrita en portugués podería pensarse que a súa lectura sería un chisco complicada, pero polo xeral non tivemos máis complicacións que algunhas palabras soltas.

Coincidimos todos na particularidade de que o protagonista non teña unha identidade definida, só nos conta o que lle vai sucedendo e sabemos unicamente que o seu nome é Ismael e que é un bolseiro europeo que estuda para ser escritor. Coincidimos tamén na pouca conexiónJoao Tordo que hai entre a primeira e as posteriores partes da historia, como o feito de chamar aos personaxes cada vez dunha maneira distinta, -ás veces polo nome e outras polo apelido- o que dificultou o seguimento do argumento nalgunhas ocasións.

En xeral o libro gustou a todos os lectores, a pesares das pequenas pegas consideramos que se trata dunha historia interesante, que recomendamos para unha lectura entretida.

Deixar un comentario

Arquivado en Actividades, Recensión

DA MÁQUINA, de Alberto Lema

O pasado martes 14 de xaneiro, unha semana despois das vacacións de Nadal, tivo lugar o encontro dos participantes no Fiadeiro litedownloadrario Rosalía deste curso 2013-2014 con motivo da lectura da obra Da máquina, de Alberto Lema, a obra coa que eu me aventurei durante o Nadal. A pesares de non ter moita aceptación entre o alumnado do 4º curso da ESO, tivo moito éxito entre os alumnos do Bacharelato Internacional.

Dende o comezo da obra, é posible comprobar que se trata dunha novela renovadora, diferente e cunha personalidade única. Destacan un particular estilo narrativo, caracterizado pola abolición de moitos dos recursos formais xa asentados na literatura moderna e presentes na gran maioría de novelas, tales como os guións de diálogo ou as comiñas, así coma un cambio constante entre o narrador en estilo directo e indirecto. Aínda que isto pode parecer unha traba a unha lectura fluída, o certo é que o autor foi quen de conseguir unha narración clara, que non da lugar a equívoco e que verdadeiramente sorprende ao lector.
No que respecta ao argumento, xa a sinopse, que falaba da historia dunha máquina que é quen de tomar conciencia propia, prometía, e o certo é que non me decepcionou. Se ben era esperable que se tratase dunha novela dLemae ciencia ficción, nas que a imaxinación do autor tende a sobrepasar con creces a estreita liña entre realidade e fantasía, o certo é que a historia que nos conta Alberto Lema resulta totalmente crible. A máquina non é en realidade unha máquina, senón un avanzado software que inicialmente se concibiu coma un programa de xadrez, mais o programa logrou desenvolver conciencia de seu e adquiriu a capacidade de aprender dos erros, coma se dunha mente humana se tratase. En verdade, non se chega a explicar a verdadeira localización da máquina, pero sospéitase que ela mesma se replicou e foi quen de ocultar infinidade de copias de si mesma por servidores de todo o mundo, sendo o seu centro de operacións case imposible de atopar.
A estrutura da novela semella non ter sentido ao comezo, ao conter historias aparentemente inconexas, pero pronto se observa que os protagonistas das historias non son máis que monicreques da máquina, queCT51068.jpg se fai pasar por unha persoa real en páxinas de xogos on-line e os leva a actuar para facer xustiza social. Así, dende unha perspectiva que na obra se chega a cualificar de comunista, a máquina actúa conforme a un propósito social, aínda que o seu plan de acción resulta impredicible. En ocasións actúa contra os avaros, coma acontece con Francisco Cruz, que é envelenado durante o seu aniversario, mentres que ás veces incita as persoas ao suicidio sen motivo aparente, coma ocorre con Daniel Gabor. En calquera caso, a máquina nunca mata, senón que son as persoas ás que convence as que acaban cometendo os crimes.
Por último, é salientable que moitos dos espazos nos que transcorre a trama da novela son perfectamente identificables dentro do territorio galego, dende o hostal dos Reis católicos, ata diversas rúas e prazas de Compostela, así como a cidade de Vigo. Isto, dende o meu punto de vista, aumenta a verosimilitude da acción, posto que a imaxinamos como se en verdade a historia estivese a acontecer na nosa propia cidade.
Joaquín Vila, 2º BI

Deixar un comentario

Arquivado en Actividades, Recensión

Os fillos do mar

XG00189701

O que máis me aferrou aos Fillos do mar foi a sensación dunha Galicia apaixonante e aventureira e a inmanente percepción do mar en todo o seu esplendor como elemento desencadeante da trama.

Pedro Feijoo comeza descubrindo ante os nosos ollos un Simón Varela que nos guiará dende lugares inextricables, pasando polo fondo corazón dun Vigo contemporáneo ata a praia de Canido ou as Illas Cíes. É un personaxe certamente peculiar, que o autor describe como un antiheroe que debuxaba na súa nenez chemineas tortas, que estudou arquitectura en Barcelona e que rematou residindo na súa cidade natal -Vigo- cun caótico estudo.

Un día, de súpeto, Simón recibe unha inesperada chamada dunha das persoas máis ricas e poderosas da cidade, Isabel Llobet, para encargarlle a reconstrución dunha fonte con moito valor sentimental para ela. Simón acepta a oferta de traballo, pero o proxecto vese frustrado pola imprevisible morte da anciá en condicións moi sospeitosas.

No enterro de dona Isabel, Simón coñece a Mariña e a Xulio Ascanio, fillos da falecida, coa que non tiñan contacto dende había moitos anos;  comunícanlle que o seu nome aparece no testamento da súa nai, o que lle resulta máis que estraño ao noso protagonista. A anciá deixoulle unha lista de letras sen ningún tipo de relación coa que Simón terá que loitar ata conseguir comprendela.

Tras moitos acontecementos e indagacións, Simón chega á conclusión de que hai algo sen explicación na morte de Isabel e decide comezar a buscar a verdade xunto con Mariña, pola que sente algo dende o momento en que a coñeceu…

Neste libro podemos revivir a Batalla de Rande e experimentar a euforia por atopar o tesouro perdido que será o principal móbil da aventura, con cambios de identidade, sentimentos agochados e personalidades que finxen ser outras para salvar a vida dos que sofren as opresións do Réxime franquista.

Como lectora, a tensión increméntase cando parece que Mariña e Simón atoparán mil e unha moedas douradas. Porén, non todo é o que parece, terás que ler a novela para descubrir o final.

A miña opinión persoal do libro é moi positiva. Creo que o autor conseguiu que Galicia chegase a ser o escenario dunha aventura que atrae a moitos lectores de moi diversas idades e intereses e iso é algo que non moitos conseguen. Ademais, a presenza do mar gustoume moito porque une a todos os personaxes, todos teñen algunha que outra relación con este precioso océano ao que se abren as costas galegas.

Sara Morato Costa, 3ºD

Deixar un comentario

Arquivado en Recensión