Arquivo por autores: vilacide

Club de lectura coeducativo

Unha das actividades que comezou neste curso 2019-2020 foi o Club de lectura coeducativo, destinado ao alumnado de Primeiro de Bacharelato.

A primeira xuntanza, realizada no primeiro trimestre, xirou en torno a dous ensaios:Todos deberíamos ser feministas e Cómo educar en el feminismo, ambos os dous de Chimamnda Nagozi, unha escritora nixeriana. 

Comentalos deu pé a un debate sobre os roles de xénero existentes hoxe en día. Tratáronse temas como o ínfima que é a presenza das mulleres en altos cargos de responsabilidade laboral ou pola contra os poucos homes que se dedican a realizar as tarefas do fogar, os estereotipos, etc.

Pasado o Nadal, o club volveuse reunir para comentar parte das obras da maleta violeta. Trátase dunha actividade que leva a cabo a Secretaría de Igualdade da Xunta e que consiste no préstamo de máis de trinta títulos que teñen como tema a igualdade, a coeducación, a diversidade afectivo-sexual etc. O Club solicitou esta maleta violeta para este primeiro trimestre e puidemos utilizala ata a volta das vacacións de Nadal.

O conxunto de volumes estaba constituído por obras de xéneros e estilos diversos porque incluía ademais de narrativa (que é o xénero que máis lemos),  obras de teatro, ensaio, poesía e banda deseñada. 

Todos eles tratan de impulsar o feminismo, exaltar a figura da muller ou reflectir situacións de maltrato e discriminación que viven a diario moitas delas.

Títulos como: As horas roubadas de María Solar, A Piragua de Candido Pazó, O diario vermello de Carlota de Gemma Liendas, Penúltimas tendencias de Carlos Negro, George, simplemente sé tu mismo de Alex Gino, 22 segundos de Eva Mejuto ou Fun Home de Alison Behdel, foron os protagonistas dunha reunión chea de entretidas e fascinantes historias, na que cadaquén ía comentando a súa obra e indicando se a recomendaría ou non e porqué. 

Foi unha xuntanza moi produtiva porque nos serviu para coñecer moitas obras e tamén para facer crítica e falar de temas moi interesantes.. 

Anímovos a que leades calquera destes libros, asegúrovos que non vos arrepentiredes.

Candela Álvarez  Espiño, 1ºF

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Homenaxe a Xabier Docampo

O pasado martes 11 de xuño celebrouse unha homenaxe ao escritor X. Docampo, falecido o ano pasado, na Biblioteca Ánxel Casal.

Dita homenaxe consisitía na lectura das súas obras, pola mañá era a quenda dos centros de ensino, e aló fomos as lectoras e lectores de 1º ESO.

Lemos o primeiro conto da súa coñecida obra Cando petan na porta pola noite, Premio Nacional de Literatura 1994. Gustounos moito esta historia de medo, aínda que sempre impón un pouquiño ler en público.

Facemos nosas as palabras da organización: mentres se len as obras dun escritor este segue vivo, porque ler é a mellor homenaxe a un escritor, e a lectura é sempre un acto de resistencia e de identidade.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Debate con Marcos Calveiro. Lectoras e lectores de 1º de Bacharelato

O mércores 20 de marzo tivemos o pracer de participar nun debate co autor Marcos Calveiro sobre a súa obra O xardineiro dos ingleses, gañadora do Premio San Clemente na modalidade Lingua Galega na súa última edición.

O alumnado lector que se encargou do debate pertencía a diferentes cursos de 1º de Bacharelato, ademais tamén nos acompañaron outras lectoras e lectores de varios centros de Santiago. Entre o público asistente alumnado de 1º Bac, tamén doutros institutos, profesorado…

A moderadora foi a nosa compañeira Olalla, de 1ºB, que dirixiu moi ben o debate. Este  estruturouse atendendo a diferentes grupos temáticos, como: ‘Vida e traxectoria do autor’,  ‘Proceso de creación’, ‘Personaxes’, ‘Espazo e  tempo’, ‘Argumento’…

Marcos Calveiro reflexionou sobre o seu labor de escritor e sobre a súa xa longa traxectoria e sorprendeunos a rotundidade coa que repetiu que está era a obra da súa vida e seguramente tamén a máis autobiográfica: desde o seu trasunto literario, o escritor Modesto Filgueira, o personaxe de Cristina, alguén con quen Marcos compartiu estudos na infancia e adolescencia en Vilagarcía e mesmo un avó fascista, que coma o seu tamén tiña unha pistola e loitara na guerra civil. O escritor comentou o seu medo a como ía ser tomado na súa familia este xeito de contar unha realidade que, sen dúbida, é difícil de asumir.

En canto ao proceso de creación, Marcos Calveiro confesounos que a súa intención era contar a vida de Edelmiro, xardineiro no cemiterio dos ingleses, de quen lera unha noticia cando morreu na que se informaba do seu labor altruísta e continuo durante anos de encargado do cemiterio, pero cando deu co personaxe da nai pareceulle que tiña tanta forza que a converteu en protagonista.

Tamén se lle preguntou a Calveiro polos personaxes reais que aparecen na novela: Sorolla, Castelao, Lorca e Plácido Castro e informounos de como fora documentándose e descubrindo os seus vencellos con Vilagarcía.

Foi un coloquio moi dinámico e que, case a totalidade do público, puido aproveitar e seguir porque a novela foi lida pola maioría do alumnado de 1º de Bacharelato.

Irene Fernández Rañón e Carmen López López. 1ºA BAC

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

O xardineiro dos ingleses. Premio San Clemente 2018

En O xardineiro dos ingleses atopamos un feixe de historias na forma de novela coral. A través dos ollos dunha moza arousá, do seu fillo, ou dun escritor incapaz de rematar o seu traballo, este libro fainos percorrer algúns dos principais eventos da Europa do século XX, dende as guerras mundiais á propia guerra española e mesmo as guerras internas dos personaxes.

Os personaxes son profundos e evolucionan co tempo, como o fai a vila ao seu redor. Delia, moza que de nova soñaba esperta con fuxir da súa condena -ter nacido pobre- perde as súas esperanzas e a súa xuventude agardando que se cumpran as promesas de regreso do mariño inglés e pai do seu fillo, mentres que, sen que ela o saiba, James Williams Blake descansa eternamente, canda moitos dos seus compañeiros, no estreito dos Dardanelos. Edelmiro, o fillo de ambos é un exemplo de superación. El é o elo que artella a todos os demais, o desencadeante da novela.

Tamén nos poñemos, máis brevemente, na pel dun garda civil sublevado ou na dunha muller valente que na década dos trinta se lanza ao sindicalismo na procura dos seus dereitos, ou na do mesmísimo Joaquín Sorolla, que xunto a Federico García Lorca son os máis destacados cameos da novela. Por último, o escritor, Modesto Filgueira, quizais un álter ego de Marcos Calveiro, se cadra o intento deste de verter algunhas das inquedanzas que o invaden como escritor.

Resultado de imaxes para o xardineiro dos ingleses

Marcos Calveiro fainos reflexionar sobre moitos temas neste libro: a guerra, a crueldade humana, a morte, os roles sociais, o paso do tempo ou ata que punto os seres humanos somos vítimas das nosas circunstancias, que nos negan e nos impiden empregar os nosos méritos para avanzar na vida.

 E para rematar quería incluír unha cita da novela:[Edelmiro] Pensa que quen queima libros é un miserable, un covarde analfabeto que os teme e, se o fai, é porque pensa que son unha poderosa arma, conclúe, quizabes unha das máis poderosas, un dos camiños para acadar esa dignidade da que falaba Xeneroso”.

En resumo, O xardineiro dos ingleses é unha obra brillante, que mantén ao lector enganchado cos seus moitos xiros, misterios e preguntas, unha tensión crecente que non se libera ata as derradeiras páxinas.

David Sande Rúa

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

50 ANIVERSARIO DA LIBRARÍA COUCEIRO

O pasado luns 25 de marzo aos alumnos do Club de Lectura convidáronnos a visitar a Libraría Couceiro polo seu 50 aniversario.

Ao chegar alí recibiunos a escritora galega Rosa Aneiros. Tíñannos preparada un sitio ao carón de todos os libros do século XIX, pero ela decidiu levarnos á sala onde estaban os libros de carácter infantil e xuvenil. Rosa Aneiros prefería estar alí para explicarnos mellor o difícil que era escribir un libro para unha nena ou un neno. Moito máis difícil que para un adulto. Cando se escribe para nenos hai que contar a historia con poucas palabras e hai que escollelas moi ben. Falounos tamén sobre a vida de escritora e resolveunos dúbidas como, por exemplo, como inventaba os finais dos libros. Puidemos darlle a nosa opinión sobre os libros que adoitamos ler. Á parte de termos a oportunidade de falar con ela, puidemos aprender que para escribir non temos que facerlle moito caso a opinións alleas, porque cada persoa ten o seu gusto.

María Lama Fernández e Xoana Lema Barcia

Na sección de xuvenil e infantil da Libraria Couceiro, con Rosa Aneiros

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Visita á libraría Couceiro. Encontro con Rosa Aneiros

O día 25 de marzo os alumnos do Club de Lectura de 1ºde ESO fomos á Libraría Couceiro (Praza de Cervantes) porque esta libraría, creada por Xesús Couceiro, cumpría 50 anos e celebrouno con diferentes actos e encontros.

https://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/gran-exito-da-festa-polo-50-aniversario-da-libraria-couceiro/idEdicion-2019-03-10/idNoticia-1170436

Cando chegamos agardaban por nós o libreiro Pablo Couceiro e a escritora Rosa Aneiros, xornalista, que se dedica a escribir novelas infantís, xuvenís e para adultos.

Rosa falounos do seu xénero literario, a narrativa: a súa primeira novela foi Eu de maior quero ser, publicada no ano 1999 cando ela tiña 23 anos. Resistencia e Ás de bolboreta, Ámote Leo A.,  son outras das súas novelas máis lidas.

Contounos que ela non ten datas para entregar os seus libros senón que escribe cando ten ganas; non ten un libro favorito pois cada ano vai descubrindo novos libros, pero díxonos que todos os anos le O Principiño porque cada ano interpreta a historia dunha forma diferente. Tamén nos comentou que ela sempre que empeza a escribir sabe como vai comezar e rematar a súa historia, que hai que ler e corrixir o que se escribe ata que che pareza que está ben escrito e despois gardar a historia, que repouse.

Tamén nos contou que normalmente ela non escolle a o ilustrador do seu libro se non que o fai a editorial, pero os ilustradores tamén participan na historia porque mediante os debuxos ves cousas que non aparecen relatadas por escrito.

Por último recomendounos que escribiramos e que non tiveramos medo de frustrarnos ou quedarnos en branco cando escribimos ou cando se presenta unha historia a unha editorial e non lle gusta porque hai moitas e diferentes editoriais.

Unha charla moi ben aproveitada, e Rosa atendeu toda as nosas preguntas. Moitas grazas!

Álvaro Schwiedop Souto

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Visita de Andrés

Unha semana de febreiro veu visitarnos á Biblioteca unha persoa moi especial, chamábase Andrés e era unha persoa trans. De pequeno estudou no Pío XII , despois no IES Rosalía de Castro e no IES do Sar, e agora na Universidade, e veu contarnos a súa historia.

Gustounos moito a súa visita, e dámoslle as grazas por mostrarnos os sentimentos e as sensacións dunha persoa trans. Parécenos moi complicado non renderse e seguir adiante a pesar do que digan os demais; como el dixoeste non foi un camiño de rosas, pois hai acoso dos teus compañeiros, non tes amigos, non es aceptado pola xente que te rodea…..

Pero houbo unha anécdota que nos gustou moito: cando chegou o momento de contarllo á súa avoa, ela díxolle Se ti es feliz, a min non me importa”.

Club de Lectura 1º da  ESO. Isabel Otero, 1º A

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Mamá, quero ser Ziggy Stardust. Iria Misa

Neste libro, Aine, unha rapaza de 9 anos, conta a súa experiencia e os seus sentimentos sobre o seu cambio para ser transexual. Faino desde un punto de vista que nos leva a reflexionar e entender o difícil que é o camiño para chegar a ser o neno que ela se sente.

Tamén vemos a forma de reaccionar da familia e dos amigos, ás veces a xente máis achegada a ti pode ser a que máis tarda en entendelo. Pero a pesar destes problemas que se van acumulando polo camiño, Aine é quen quere ser e é aceptada e respectada polos demais.

Agora todos os lectores deste marabilloso libro aprendemos doutro xeito sobre a sociedade, coñecemos un pouco máis sobre a transexualidade e as persoas transexuais.

Club de Lectura 1º da  ESO. Carolina López (1ºA)

Biblioteca IES Rosalía de Castro

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Encontro coa autora Marica Campo

O día 26 de novembro veu falar con nós a autora, Marica Campo, autora do libro que xa tiñamos lido, E Xoel aprendeu a voar.  Contounos moitas cousas sobre a obra pois fixémoslle moitas preguntas que xa tiñamos preparadas, outros leron ou comentaron  un fragmento que escolleran, outros aportamos críticas construtivas, fixemos debuxos….

Marica tamén nos contou a súa historia como escritora: cando empezou a escribir, cantos libros escribiu, os diferentes tipos de obras que fixo, etc. Falaba dun xeito ameno e moi próximo, por iso foi divertido e ademais aprendeunos outras moitas cousas do noso marabilloso país.

Ao rematar a xuntanza as profesoras lembraron que no libro había unha aventura cun tarro de marmelada e agasalláronnos con marmeladas (pequeniñas) de amorodo e de pexego. Nós agasallamos a Marica cos debuxos que fixeramos.

Foi unha experiencia moi bonita.

Xoana Lema e María Lama (1º B ESO)

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Club de Lectura de 1º ESO

E Xoel aprendeu a voar. Marica Campo

Xoel é un rapaz de 13 anos que apenas ten vida fóra do ordenador e das consolas. Unha mañá recibe un correo que sacudirá a súa vida: unha mensaxe asinada por un tal Merlo Branco que parece sabelo todo del e que lle di que é un abúlico debido a todo o tempo que pasa coa tecnoloxía. Esta palabra perségueo ata a metade da novela, cando Eunice, unha rapaza pola que tolea, revélalle o significado da palabra.

Merlo Branco dille que se lle fai caso poderá deixar de ser un neno tan ‘estático’ como é, e rétao a atopar un merlo branco. Para cumprir esta misión irá á casa do seu avó e a súa muller, xunto con Eunice, Sara, Daniel e Fabio, os seus amigos.

O seu avó tamén ten problemas, pois o concello tenta expropiarlle unhas terras próximas, e ademais ten unha culpa grande que o corroe por dentro: un segredo relacionado coa súa estadía en California e coa súa primeira muller, a avoa de Xoel.

Este libro fálanos da realidade de moitos rapaces actuais e do que fan as súas familias para axudalos, da falta de tempo dos pais para estar cos fillos, etc.  Por iso cremos que é moi recomendable  e tamén moi fácil de ler.

Belén Carla Merino (1ºESO D)

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized