Arquivos diarios: Marzo 2, 2020

Club de lectura coeducativo

Unha das actividades que comezou neste curso 2019-2020 foi o Club de lectura coeducativo, destinado ao alumnado de Primeiro de Bacharelato.

A primeira xuntanza, realizada no primeiro trimestre, xirou en torno a dous ensaios:Todos deberíamos ser feministas e Cómo educar en el feminismo, ambos os dous de Chimamnda Nagozi, unha escritora nixeriana. 

Comentalos deu pé a un debate sobre os roles de xénero existentes hoxe en día. Tratáronse temas como o ínfima que é a presenza das mulleres en altos cargos de responsabilidade laboral ou pola contra os poucos homes que se dedican a realizar as tarefas do fogar, os estereotipos, etc.

Pasado o Nadal, o club volveuse reunir para comentar parte das obras da maleta violeta. Trátase dunha actividade que leva a cabo a Secretaría de Igualdade da Xunta e que consiste no préstamo de máis de trinta títulos que teñen como tema a igualdade, a coeducación, a diversidade afectivo-sexual etc. O Club solicitou esta maleta violeta para este primeiro trimestre e puidemos utilizala ata a volta das vacacións de Nadal.

O conxunto de volumes estaba constituído por obras de xéneros e estilos diversos porque incluía ademais de narrativa (que é o xénero que máis lemos),  obras de teatro, ensaio, poesía e banda deseñada. 

Todos eles tratan de impulsar o feminismo, exaltar a figura da muller ou reflectir situacións de maltrato e discriminación que viven a diario moitas delas.

Títulos como: As horas roubadas de María Solar, A Piragua de Candido Pazó, O diario vermello de Carlota de Gemma Liendas, Penúltimas tendencias de Carlos Negro, George, simplemente sé tu mismo de Alex Gino, 22 segundos de Eva Mejuto ou Fun Home de Alison Behdel, foron os protagonistas dunha reunión chea de entretidas e fascinantes historias, na que cadaquén ía comentando a súa obra e indicando se a recomendaría ou non e porqué. 

Foi unha xuntanza moi produtiva porque nos serviu para coñecer moitas obras e tamén para facer crítica e falar de temas moi interesantes.. 

Anímovos a que leades calquera destes libros, asegúrovos que non vos arrepentiredes.

Candela Álvarez  Espiño, 1ºF

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized