Arquivos diarios: Abril 10, 2019

O xardineiro dos ingleses. Premio San Clemente 2018

En O xardineiro dos ingleses atopamos un feixe de historias na forma de novela coral. A través dos ollos dunha moza arousá, do seu fillo, ou dun escritor incapaz de rematar o seu traballo, este libro fainos percorrer algúns dos principais eventos da Europa do século XX, dende as guerras mundiais á propia guerra española e mesmo as guerras internas dos personaxes.

Os personaxes son profundos e evolucionan co tempo, como o fai a vila ao seu redor. Delia, moza que de nova soñaba esperta con fuxir da súa condena -ter nacido pobre- perde as súas esperanzas e a súa xuventude agardando que se cumpran as promesas de regreso do mariño inglés e pai do seu fillo, mentres que, sen que ela o saiba, James Williams Blake descansa eternamente, canda moitos dos seus compañeiros, no estreito dos Dardanelos. Edelmiro, o fillo de ambos é un exemplo de superación. El é o elo que artella a todos os demais, o desencadeante da novela.

Tamén nos poñemos, máis brevemente, na pel dun garda civil sublevado ou na dunha muller valente que na década dos trinta se lanza ao sindicalismo na procura dos seus dereitos, ou na do mesmísimo Joaquín Sorolla, que xunto a Federico García Lorca son os máis destacados cameos da novela. Por último, o escritor, Modesto Filgueira, quizais un álter ego de Marcos Calveiro, se cadra o intento deste de verter algunhas das inquedanzas que o invaden como escritor.

Resultado de imaxes para o xardineiro dos ingleses

Marcos Calveiro fainos reflexionar sobre moitos temas neste libro: a guerra, a crueldade humana, a morte, os roles sociais, o paso do tempo ou ata que punto os seres humanos somos vítimas das nosas circunstancias, que nos negan e nos impiden empregar os nosos méritos para avanzar na vida.

 E para rematar quería incluír unha cita da novela:[Edelmiro] Pensa que quen queima libros é un miserable, un covarde analfabeto que os teme e, se o fai, é porque pensa que son unha poderosa arma, conclúe, quizabes unha das máis poderosas, un dos camiños para acadar esa dignidade da que falaba Xeneroso”.

En resumo, O xardineiro dos ingleses é unha obra brillante, que mantén ao lector enganchado cos seus moitos xiros, misterios e preguntas, unha tensión crecente que non se libera ata as derradeiras páxinas.

David Sande Rúa

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized