O día 25 de marzo os alumnos do Club de Lectura de 1ºde ESO fomos á Libraría Couceiro (Praza de Cervantes) porque esta libraría, creada por Xesús Couceiro, cumpría 50 anos e celebrouno con diferentes actos e encontros.
Cando chegamos agardaban por nós o libreiro Pablo Couceiro e a escritora Rosa Aneiros, xornalista, que se dedica a escribir novelas infantís, xuvenís e para adultos.
Rosa falounos do seu xénero literario, a narrativa: a súa primeira novela foi Eu de maior quero ser, publicada no ano 1999 cando ela tiña 23 anos. Resistencia e Ás de bolboreta, Ámote Leo A., son outras das súas novelas máis lidas.
Contounos que ela non ten datas para entregar os seus libros senón que escribe cando ten ganas; non ten un libro favorito pois cada ano vai descubrindo novos libros, pero díxonos que todos os anos le O Principiño porque cada ano interpreta a historia dunha forma diferente. Tamén nos comentou que ela sempre que empeza a escribir sabe como vai comezar e rematar a súa historia, que hai que ler e corrixir o que se escribe ata que che pareza que está ben escrito e despois gardar a historia, que repouse.
Tamén nos contou que normalmente ela non escolle a o ilustrador do seu libro se non que o fai a editorial, pero os ilustradores tamén participan na historia porque mediante os debuxos ves cousas que non aparecen relatadas por escrito.
Por último recomendounos que escribiramos e que non tiveramos medo de frustrarnos ou quedarnos en branco cando escribimos ou cando se presenta unha historia a unha editorial e non lle gusta porque hai moitas e diferentes editoriais.
Unha charla moi ben aproveitada, e Rosa atendeu toda as nosas preguntas. Moitas grazas!
Álvaro Schwiedop Souto

