Arquivos diarios: Abril 3, 2019

50 ANIVERSARIO DA LIBRARÍA COUCEIRO

O pasado luns 25 de marzo aos alumnos do Club de Lectura convidáronnos a visitar a Libraría Couceiro polo seu 50 aniversario.

Ao chegar alí recibiunos a escritora galega Rosa Aneiros. Tíñannos preparada un sitio ao carón de todos os libros do século XIX, pero ela decidiu levarnos á sala onde estaban os libros de carácter infantil e xuvenil. Rosa Aneiros prefería estar alí para explicarnos mellor o difícil que era escribir un libro para unha nena ou un neno. Moito máis difícil que para un adulto. Cando se escribe para nenos hai que contar a historia con poucas palabras e hai que escollelas moi ben. Falounos tamén sobre a vida de escritora e resolveunos dúbidas como, por exemplo, como inventaba os finais dos libros. Puidemos darlle a nosa opinión sobre os libros que adoitamos ler. Á parte de termos a oportunidade de falar con ela, puidemos aprender que para escribir non temos que facerlle moito caso a opinións alleas, porque cada persoa ten o seu gusto.

María Lama Fernández e Xoana Lema Barcia

Na sección de xuvenil e infantil da Libraria Couceiro, con Rosa Aneiros

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Visita á libraría Couceiro. Encontro con Rosa Aneiros

O día 25 de marzo os alumnos do Club de Lectura de 1ºde ESO fomos á Libraría Couceiro (Praza de Cervantes) porque esta libraría, creada por Xesús Couceiro, cumpría 50 anos e celebrouno con diferentes actos e encontros.

https://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/gran-exito-da-festa-polo-50-aniversario-da-libraria-couceiro/idEdicion-2019-03-10/idNoticia-1170436

Cando chegamos agardaban por nós o libreiro Pablo Couceiro e a escritora Rosa Aneiros, xornalista, que se dedica a escribir novelas infantís, xuvenís e para adultos.

Rosa falounos do seu xénero literario, a narrativa: a súa primeira novela foi Eu de maior quero ser, publicada no ano 1999 cando ela tiña 23 anos. Resistencia e Ás de bolboreta, Ámote Leo A.,  son outras das súas novelas máis lidas.

Contounos que ela non ten datas para entregar os seus libros senón que escribe cando ten ganas; non ten un libro favorito pois cada ano vai descubrindo novos libros, pero díxonos que todos os anos le O Principiño porque cada ano interpreta a historia dunha forma diferente. Tamén nos comentou que ela sempre que empeza a escribir sabe como vai comezar e rematar a súa historia, que hai que ler e corrixir o que se escribe ata que che pareza que está ben escrito e despois gardar a historia, que repouse.

Tamén nos contou que normalmente ela non escolle a o ilustrador do seu libro se non que o fai a editorial, pero os ilustradores tamén participan na historia porque mediante os debuxos ves cousas que non aparecen relatadas por escrito.

Por último recomendounos que escribiramos e que non tiveramos medo de frustrarnos ou quedarnos en branco cando escribimos ou cando se presenta unha historia a unha editorial e non lle gusta porque hai moitas e diferentes editoriais.

Unha charla moi ben aproveitada, e Rosa atendeu toda as nosas preguntas. Moitas grazas!

Álvaro Schwiedop Souto

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized