Arquivos mensuais: Abril 2019

Debate con Marcos Calveiro. Lectoras e lectores de 1º de Bacharelato

O mércores 20 de marzo tivemos o pracer de participar nun debate co autor Marcos Calveiro sobre a súa obra O xardineiro dos ingleses, gañadora do Premio San Clemente na modalidade Lingua Galega na súa última edición.

O alumnado lector que se encargou do debate pertencía a diferentes cursos de 1º de Bacharelato, ademais tamén nos acompañaron outras lectoras e lectores de varios centros de Santiago. Entre o público asistente alumnado de 1º Bac, tamén doutros institutos, profesorado…

A moderadora foi a nosa compañeira Olalla, de 1ºB, que dirixiu moi ben o debate. Este  estruturouse atendendo a diferentes grupos temáticos, como: ‘Vida e traxectoria do autor’,  ‘Proceso de creación’, ‘Personaxes’, ‘Espazo e  tempo’, ‘Argumento’…

Marcos Calveiro reflexionou sobre o seu labor de escritor e sobre a súa xa longa traxectoria e sorprendeunos a rotundidade coa que repetiu que está era a obra da súa vida e seguramente tamén a máis autobiográfica: desde o seu trasunto literario, o escritor Modesto Filgueira, o personaxe de Cristina, alguén con quen Marcos compartiu estudos na infancia e adolescencia en Vilagarcía e mesmo un avó fascista, que coma o seu tamén tiña unha pistola e loitara na guerra civil. O escritor comentou o seu medo a como ía ser tomado na súa familia este xeito de contar unha realidade que, sen dúbida, é difícil de asumir.

En canto ao proceso de creación, Marcos Calveiro confesounos que a súa intención era contar a vida de Edelmiro, xardineiro no cemiterio dos ingleses, de quen lera unha noticia cando morreu na que se informaba do seu labor altruísta e continuo durante anos de encargado do cemiterio, pero cando deu co personaxe da nai pareceulle que tiña tanta forza que a converteu en protagonista.

Tamén se lle preguntou a Calveiro polos personaxes reais que aparecen na novela: Sorolla, Castelao, Lorca e Plácido Castro e informounos de como fora documentándose e descubrindo os seus vencellos con Vilagarcía.

Foi un coloquio moi dinámico e que, case a totalidade do público, puido aproveitar e seguir porque a novela foi lida pola maioría do alumnado de 1º de Bacharelato.

Irene Fernández Rañón e Carmen López López. 1ºA BAC

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

O xardineiro dos ingleses. Premio San Clemente 2018

En O xardineiro dos ingleses atopamos un feixe de historias na forma de novela coral. A través dos ollos dunha moza arousá, do seu fillo, ou dun escritor incapaz de rematar o seu traballo, este libro fainos percorrer algúns dos principais eventos da Europa do século XX, dende as guerras mundiais á propia guerra española e mesmo as guerras internas dos personaxes.

Os personaxes son profundos e evolucionan co tempo, como o fai a vila ao seu redor. Delia, moza que de nova soñaba esperta con fuxir da súa condena -ter nacido pobre- perde as súas esperanzas e a súa xuventude agardando que se cumpran as promesas de regreso do mariño inglés e pai do seu fillo, mentres que, sen que ela o saiba, James Williams Blake descansa eternamente, canda moitos dos seus compañeiros, no estreito dos Dardanelos. Edelmiro, o fillo de ambos é un exemplo de superación. El é o elo que artella a todos os demais, o desencadeante da novela.

Tamén nos poñemos, máis brevemente, na pel dun garda civil sublevado ou na dunha muller valente que na década dos trinta se lanza ao sindicalismo na procura dos seus dereitos, ou na do mesmísimo Joaquín Sorolla, que xunto a Federico García Lorca son os máis destacados cameos da novela. Por último, o escritor, Modesto Filgueira, quizais un álter ego de Marcos Calveiro, se cadra o intento deste de verter algunhas das inquedanzas que o invaden como escritor.

Resultado de imaxes para o xardineiro dos ingleses

Marcos Calveiro fainos reflexionar sobre moitos temas neste libro: a guerra, a crueldade humana, a morte, os roles sociais, o paso do tempo ou ata que punto os seres humanos somos vítimas das nosas circunstancias, que nos negan e nos impiden empregar os nosos méritos para avanzar na vida.

 E para rematar quería incluír unha cita da novela:[Edelmiro] Pensa que quen queima libros é un miserable, un covarde analfabeto que os teme e, se o fai, é porque pensa que son unha poderosa arma, conclúe, quizabes unha das máis poderosas, un dos camiños para acadar esa dignidade da que falaba Xeneroso”.

En resumo, O xardineiro dos ingleses é unha obra brillante, que mantén ao lector enganchado cos seus moitos xiros, misterios e preguntas, unha tensión crecente que non se libera ata as derradeiras páxinas.

David Sande Rúa

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

50 ANIVERSARIO DA LIBRARÍA COUCEIRO

O pasado luns 25 de marzo aos alumnos do Club de Lectura convidáronnos a visitar a Libraría Couceiro polo seu 50 aniversario.

Ao chegar alí recibiunos a escritora galega Rosa Aneiros. Tíñannos preparada un sitio ao carón de todos os libros do século XIX, pero ela decidiu levarnos á sala onde estaban os libros de carácter infantil e xuvenil. Rosa Aneiros prefería estar alí para explicarnos mellor o difícil que era escribir un libro para unha nena ou un neno. Moito máis difícil que para un adulto. Cando se escribe para nenos hai que contar a historia con poucas palabras e hai que escollelas moi ben. Falounos tamén sobre a vida de escritora e resolveunos dúbidas como, por exemplo, como inventaba os finais dos libros. Puidemos darlle a nosa opinión sobre os libros que adoitamos ler. Á parte de termos a oportunidade de falar con ela, puidemos aprender que para escribir non temos que facerlle moito caso a opinións alleas, porque cada persoa ten o seu gusto.

María Lama Fernández e Xoana Lema Barcia

Na sección de xuvenil e infantil da Libraria Couceiro, con Rosa Aneiros

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Visita á libraría Couceiro. Encontro con Rosa Aneiros

O día 25 de marzo os alumnos do Club de Lectura de 1ºde ESO fomos á Libraría Couceiro (Praza de Cervantes) porque esta libraría, creada por Xesús Couceiro, cumpría 50 anos e celebrouno con diferentes actos e encontros.

https://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/gran-exito-da-festa-polo-50-aniversario-da-libraria-couceiro/idEdicion-2019-03-10/idNoticia-1170436

Cando chegamos agardaban por nós o libreiro Pablo Couceiro e a escritora Rosa Aneiros, xornalista, que se dedica a escribir novelas infantís, xuvenís e para adultos.

Rosa falounos do seu xénero literario, a narrativa: a súa primeira novela foi Eu de maior quero ser, publicada no ano 1999 cando ela tiña 23 anos. Resistencia e Ás de bolboreta, Ámote Leo A.,  son outras das súas novelas máis lidas.

Contounos que ela non ten datas para entregar os seus libros senón que escribe cando ten ganas; non ten un libro favorito pois cada ano vai descubrindo novos libros, pero díxonos que todos os anos le O Principiño porque cada ano interpreta a historia dunha forma diferente. Tamén nos comentou que ela sempre que empeza a escribir sabe como vai comezar e rematar a súa historia, que hai que ler e corrixir o que se escribe ata que che pareza que está ben escrito e despois gardar a historia, que repouse.

Tamén nos contou que normalmente ela non escolle a o ilustrador do seu libro se non que o fai a editorial, pero os ilustradores tamén participan na historia porque mediante os debuxos ves cousas que non aparecen relatadas por escrito.

Por último recomendounos que escribiramos e que non tiveramos medo de frustrarnos ou quedarnos en branco cando escribimos ou cando se presenta unha historia a unha editorial e non lle gusta porque hai moitas e diferentes editoriais.

Unha charla moi ben aproveitada, e Rosa atendeu toda as nosas preguntas. Moitas grazas!

Álvaro Schwiedop Souto

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized