FEDERICO RIBAS (Día da Ilustración 30/01/2019)

No Día da Ilustración 2019 homenaxeamos o ilustrador vigués Federico Ribas, pioneiro galego da publicidade famoso polas súas imaxes para a perfumeira Gal ou a conserveira Massó. Con este breve vídeo facemos un repaso á súa vida e á súa obra.

Unha produción de AGPI e a Dirección Xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia

Guión: Alberto Guitián

Música: Roberto Casteleiro

Animación e vídeo: Isabel Vila

O Día da Ilustración homenaxea cada ano un grande ilustrador galego que merece ser redescuberto polas novas xeracións de lectores e creadores. O Día da Ilustración 2019 está dedicado a Federico Ribas Montenegro (Vigo, 1890 – Madrid, 1952).

Ilustrador e pioneiro galego da publicidade, aos 18 anos deixou Vigo seguindo a súa vocación de artista. Tras uns inicios difíciles en Bos Aires, onde consegue colaborar en publicacións como Caras y Caretas,marcha a París. Alí respira a modernidade europea e madura o seu estilo, de aires art déco. Publica en Le Rire e en Mundial, a revista dirixida por Rubén Darío.

Ao comezar a primeira Guerra Mundial volve a España. En Madrid o seu estilo «galante» causa sensación. Editoriais e marcas dispútanse a súa firma. Contrátao como director artístico a perfumaría Gal(Heno de Pravia), e dirixe tamén a axencia Veritas, fundada pola empresa. Segundo Luís Seoane, nos anos vinte era o ilustrador máis cotizado de Madrid. Desenvolve o seu labor como debuxante de portadas en diversas editoriais. Participa no xornal Abc e en revistas como Blanco y Negro, La Esfera, Nuevo MundoBuen Humor ou Crónica. Preside a Unión de Dibujantes Españoles, precedente do asociacionismo profesional.

Ilustracións de Ribas para a revista Blanco y Negro (1927) e para un anuncio para Gal (1917)

En Galicia ten unha casa en Beluso (Bueu), pola que pasan persoeiros como Maruja Mallo, Ksado ou Gaspar Massó, para cuxa conserveira tamén fai multitude de traballos publicitarios. En Galicia publica nos xornais Faro de Vigo e El Pueblo Gallego e na revista Vida Gallega.

Por mor da guerra civil, cruza o charco por segunda vez e, de novo na Arxentina, ilustra numerosos libros e revistas, e coincide con figuras como Castelao ou Seoane. Retorna a España en 1949, traballando ata o seu derradeiro día.

Tiña un talento especial para debuxar as mulleres e popularizou o modelo de muller moderna independente, vital e sempre divina. Foi un publicista prolífico e brillante e modernizou a imaxe do sector conserveiro galego. Foi un xenio do debuxo como arma de sedución que soubo trazar a beleza dunha época irrepetible.

Bibliografía básica:

  • Francisco Fernández del Riego: «Federico Ribas», en Antón Pulido Novoa (dir): O Rexionalismo, vol. II, Vigo: Nova Galicia Edicións, 1999.
  • Clodio González Pérez: «Mestres galegos: Ribas», Sapoconcho (Fene), 11 (xuño de 1997).
  • Federico Ribas. Exposición antológica (catálogo da exposición), Vigo: CaixaVigo, 1991.
  • «Ribas Montenegro, Federico», en Gran Enciclopedia Gallega, Vigo: Silverio Cañada, 1981.
  • «Ribas», en Galicia with Humor (catálogo da exposición), Fene: Museo do Humor, 1995.
  • María Luisa Sobrino Manzanares, O cartelismo en Galicia: desde as súas orixes ata 1936, Sada: Ediciós do Castro, 1993.

Exposición «Federico Ribas: As liñas da beleza»

Biblioteca de Galicia acolle a exposición «Federico Ribas: As liñas da beleza».
A mostra recolle documentos, libros, imaxes e obras de Federico Ribas que forman parte da colección da Biblioteca e Arquivo de Galicia.

Sala de Exposicións da Biblioteca de Galicia
(Monte Gaiás)

Do 25 de xaneiro ao 7 de marzo
Horario: de 8:00 a 21:00, entrada libre e gratuíta
Inauguración: 25 de xaneiro ás 19:00

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s