Izán o da saca, de Xabier Quiroga, novo Premio San Clemente

izanIzan o da saca, obra de Xavier Quiroga, é a novela gañadora na modalidade en galego, nestes XXII Premios San Clemente.

Soamente con coller nas nosas mans o libro e ler ao revés o título,  podemos facernos unha idea de que trata, pois en realidade é “A casa do nazi”. Xustamente, este é o sitio máis importante da novela porque alí é onde Reina descobre toda a verdade. Ademais, nesta casa teñen lugar feitos clave da historia.

A novela comeza cun capítulo titulado A casca. Nel, ao Fiscal Superior de Galicia chégalle un sobre que contén unha novela chamada Izan o da saca e noticias de xornais galegos sobre falecementos dispersos polo país. Logo, relátanse os feitos da propia novela: A D. Manuel Varela Arias chégalle un correo dun home chamado Marcelo Cifuentes de Arxentina, dicíndolle que un emisor anónimo, “V”, lle pedía información sobre os nazis e que finalmente todas as investigacións apuntaban a D. Manuel. Este último, decide contratar a Pepe para investigar sobre o asunto. Reina contrata a súa vez ao seu amigo Barrabás e a Lelia para que lle axuden a investigar, pero un día o seu amigo aparece morto. Barrabás deixoulle no seu teléfono móbil unha foto dun casal de aldea. A foto tiña unha nota escrita nunha esquina que poñía “Izan o da saca”. A partir de entón, Reina afonda máis nas súas investigacións e consegue chegar ao fondo do asunto. Grazas ao Graciano, consegue descubrir quen é realmente D. Manuel e o máis importante, quen son seus pais.

A novela termina co capítulo A casca, ao igual que comezara. O fiscal decide eliminar todos os documentos porque resulta que tiña relación co novo presidente de Galicia, Xosé Antonio Arias Varela. Disto podemos deducir que realmente é D. Manuel Varela Arias.

Na miña opinión, ao narrarse dúas historias paralelas que están relacionadas, como se descobre ao final da novela, fai que a obra sexa moi intrigante, a par de que se nota que é unha novela moi traballada porque todos os feitos encaixan ao final coma se fose un puzzle. Tamén presenta unha estrutura peculiar. Nesta, intercálanse a historia actual, a do pasado, o subtítulo No escuro e as testemuñas da personaxe o Graciano que ten unha importancia clave na historia para comprender a relación existente entre as dúas historias. Ademais, debemos ter en conta que toda a narración transcorre nun período dunha semana aínda que ao lela, o lector ten a sensación de que pasou máis tempo. Isto, seguramente, sexa debido aos numerosos traslados que fai o protagonista, pois recorre boa parte de Galicia para facer as súas investigacións.

Ademais de ser unha novela policiaca, penso que o autor tamén quere denunciar a situación que se vivía naquela época debido ao falanxismo. Non só porque se nomea a Franco varias veces senón que tamén relatan os malos tratos que recibían os republicanos nesa época.

O autor mestura tanto feitos reais coma imaxinarios dunha forma moi sutil que fai que, desde o meu punto crítico, a novela sexa completamente críbel. Para min, no capítulo final (A casca) déixanos un misterio sen resolver pois se Marcial é quen lle envía a novela ao fiscal, qué relación ten cos personaxes da historia? Quen escribiu a novela? E cómo a conseguiu? Só existe unha persoa que nolo pode resolver, o propio Xavier Quiroga.

Celia Fernández Rial (1º BI)

 

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s