Esta obra trata da investigación que realizan Aquiles Vega, un xornalista expulsado d’El País por publicar na conta do xornal un chío no que critica a suba do gas por parte do noso actual presidente, e Sofía Deneb, unha aclamada filóloga especializada en Rosalía de Castro, para deter a Adriano, un asasino en serie cuxos crimes están relacionados con esta coñecida autora galega postromántica.
A primeira vista, esta novela ten os trazos propios do xénero policíaco, aínda que cuns asasinatos realmente violentos, pero sen ser diferentes aos que hoxe se poden ven na televisión. Para min, o que a fai realmente especial é a introdución do aspecto rosaliano, tanto de forma directa, cando fala dos seus poemas, que son enviados por correo electrónico, ou da súa practicamente descoñecida vida familiar, tanto súa como de Murguía e dos seus descendentes, como de forma indirecta, con pequenos detalles gardados como agasallo para os verdadeiros amantes de Rosalía, por exemplo, o fogar de Sofía Deneb, o número 41 da Rúa do Vilar, correspóndese co lugar onde vivíu a poetisa os derradeiros suspiros da súa nai. Outro aspecto realmente interesante é a gran verosimilitude que acada o autor describindo lugares tan emblemáticos e tan relacionados con Rosalía como o noso instituto, que leva o seu nome, a faculdade de filoloxía da USC, onde se realizaron e se realizan un amplo número de estudos sobre esta persoa, ou a Fundación Rosalía de Castro, en Padrón.
Ademais, outro gran aporte ao realismo é o uso de xente real na obra, cambiándolle os nomes, algunha das cales non se sentiu moi contenta coa homenaxe de asasinala na bañeira da súa casa. De todas maneiras, gustaríame facer especial fincapé no tempo e esforzo que fixo Pedro Feijoo para documentarse, aproximadamente dous anos.
En conclusión, Pedro Feijoo conseguiu mesturar novidade, co xénero policíaco, que xa resulta excesivo, e a gran importancia que se lle dá á tecnoloxía como twitter dentro da trama, con tradicionalismo, a enorme obra da autora galega máis recoñecida. Con esta innovación, ao igual que fixeron Lorca, Alberti e os seus compañeiros da xeración do 27 coa poesía, Pedro Feijoo combina o novo co vello para facer unha obra de arte que trata outras obras de arte.
Ramón Daniel Regueiro Espiño (1ºBI)