Galiciana é a biblioteca dixital de Galicia impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. O proxecto ten como obxectivo, non só a dixitalización dos fondos patrimoniais máis relevantes para Galicia, senón tamén a normalización do acceso mediante a aplicación das últimas directrices e estándares nacionais e internacionais. A súa finalidade é lograr a máxima visibilidade dos recursos dixitais integrados nela e a interoperabilidade cos principais proxectos de dixitalización existentes hoxe en día. Desde os seus inicios Galiciana participa en Hispana, directorio e recolector de recursos dixitais españois, e en Europeana, a biblioteca dixital europea, xurdida como unha forma de contribuír á preservación e difusión da riqueza cultural dos pobos de Europa.
Galiciana integra actualmente, ademais de fondos propios da Biblioteca de Galicia, obras dixitalizadas en colaboración coas principais bibliotecas patrimoniais galegas. Nela pódense consultar recursos dixitalizados en institucións culturais tan importantes para Galicia como a Universidade de Santiago de Compostela, o Museo do Pobo Galego, a Fundación Penzol de Vigo, a Real Academia Galega, o Seminario de Mondoñedo ou a Biblioteca de Estudos Locais da Coruña.
Invitámosvos a consultar este patrimonio dixital de fácil acceso no seguinte enderezo http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es/gl/estaticos/contenido.cmd?pagina=estaticos/presentacion