Carlos Reigosa fai comezar A vitoria do perdedor cunha cita do novelista, ensaísta e dramaturgo francés Albert Camus:
“Foi en España onde a miña xeración aprendeu que un pode ter razón e ser derrotado, que a forza pode destruír a alma, e que ás veces a coraxe non obtén recompensa. Isto explica sen dúbida por que tantos homes no mundo consideran o drama español como unha traxedia persoal.”
Esta cita de Camus recolle unha das ideas principais que axexan ao longo de toda a novela: os que defenden a xustiza, a dignidade do pobo, aqueles destinados a gañar, perden; mentres, os inimigos da liberdade, impoñen a súa forza.
A historia constitúese coma una viaxe interior na alma revolucionaria dun guerrilleiro a destempo, que cando a súa razón lle permite observar con escepticismo a estratexia seguida na loita obreira anos atrás, chega a morrer en defensa dos seus ideais anarquistas. Trátase de facer a xustiza que non se alcanzou no seu momento: Arcadio convértese nun vingador de todos aqueles que sufriron e morreron pola súa causa: “E esta será a miña obra, a que non puidemos facer en España, comprendes?” (páx. 145).
Arcadio non leva a cabo os asasinatos nun desexo vaidoso de alcanzar un recoñecemento persoal: “O esquecemento liberaranos. Por iso eu aspiro ao esquecemento, a non ser lembrado por ninguén” (páx 188). Mais, a pesares disto, atopa suxestivo o feito de poder “axitar aquel remoto recuncho de modo que nunca volvese ser igual” (páx. 124).
Pablo Calviño Tato, 2º D Bach