Arquivos diarios: Maio 20, 2015

ZAPATILLAS ROTAS, Xabier Quiroga

No derradeiro trimestre deste curso ofrecéusenos aos alumnos de 2º de Bacharelato a posibilidade de ler obras actuais da literatura galega –concretamente desta década que andamos. Entre as propostas Zapatillas rotas chamoume vivamente atención non tanto polo título como por esa  breve sinopse que brindaba a contraportada.Quiroga

“Trata, ao cabo e sen ocultar o sarcasmo, dos valores desta sociedade en crise irreversible”. O resumo augura o ton crítico e mordaz que acompañará toda a trama da novela e que por veces provocará o sorriso. Un sorriso de carácter cínico ante esa sorte de hedonismo fervoroso que semella impregnar cada acción que emprendemos. Un sorriso na cara dun lector que sabe que a obra é unha descrición axustada da sociedade actual e por ende, del mesmo. Non obstante, algúns personaxes logran escapar a esta vida consumista e centrarse niso esencial que case sempre pasa desapercibido: “un vello e un parado, figuras paradigmáticas deste inicio de século”. Estes son os individuos que máis simpatía inspiran tanto ao narrador coma ao lector, os máis queridos, precisamente porque pode que sexan aqueles nos que todos quereríamos converternos.Zapatillas

A novela preséntase coma un entrecruzamento de historias. A trama está composta por breves escenas que suceden no presente (a excepción dalgunhas analepses) e corresponden a diversos personaxes. As escenas comezan a narrarse sen previa presentación dos que interveñen nela ou onde se atopan. Ë o lector o que, a través de escasas referencias, ten que “orientarse” nesa precipitación de acontecementos. Este esforzo mental permite gozar máis da obra. O lector está obrigado a permanecer sempre alerta, a moverse ao longo de centos de quilómetros polo panorama galego e a pórse na pel de diferentes personaxes constantemente. A lectura evita así a monotonía e posibilita un accelerando, unha cascada de escenas que culmina nun clímax vibrante.

Doutra banda, non pode deixar de salientarse o tema da vellez, forza motriz da trama, e, formando parte do seu núcleo, o ton manifestamente triste, case tráxico. Atopámonos ante unha visión íntima, case abatida e pode que mesmo rendida do futuro de  todos nós. Un futuro que leva incluído na súa propia esencia o pesar. A terceira idade é concibida pola sociedade actual coma un estorbo. Nun mundo onde todo sucede cunha rapidez alarmante (e cunha falta de control non menos perturbadora), non queda lugar para os vellos. Vense abocados ao ostracismo. Son un produto dunha era xa pasada. Unha época morta e da que algúns non comprenden porque non se atopa xa enterrada. Non entenden a súa utilidade e, nunha comunidade onde as persoas son simples medios, algo inservible, tírase ao lixo.

E, non obstante, a novela tamén debe se entendida coma un canto á vida. Tal vez a mellor metáfora sexa a de brotes de felicidade nun mar de tristura. Pequenos retallos de esperanza na escuridade da idade máis difícil da nosa vida e dunha sociedade en manifesta  crise de valores. Pero esta historia pode que non sexa senón o punto de partida cara a algo novo; e é precisamente iso, esa promesa dun mañá mellor, o que máis apreciei do libro.

Sergio Rey Blanco, 2º BI

Esta obra foi Premio da Crítica 2014. Outras obras do autor.

Deixar un comentario

Arquivado en Actividades, Premios, Recensión