Con motivo do Día do Usuario/a das Bibliotecas, o 11 de xaneiro, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convida a cidadanía a participar nesta celebración con diversas iniciativas, de balde e para todos os públicos. Ao coincidir esta efeméride en domingo, as bibliotecas adiantan a celebración ao día 9 con obradoiros para o público infantil, liberación de libros, visitas guiadas ás bibliotecas, sorteos de lotes de libros, etc.
Co fin de lles render homenaxe aos usuarios e usuarias, parte imprescindible deste servizo a prol da extensión da lectura e da información, mañá venres organízanse visitas guiadas para quen desexe coñecer os servizos, espazos e coleccións das bibliotecas.
Na fin de semana, a Biblioteca de Galicia, con sede na Cidade da Cultura, organiza para os rapaces e rapazas de entre 8 e 12 anos dous obradoiros sobre o proceso de elaboración do libro antigo, desde a construción do papel ata o encadernado final, en horario de 17 a 19:30 horas. O sábado día 10 terá lugar un obradoiro de miniaturas e tipografías.
O domingo 11 de xaneiro, a Biblioteca de Galicia propón un obradoiro de impresión e encadernación, na que os rapaces e rapazas poderán realizar impresións utilizando as pranchas de linóleo e papel artesanal. Seguidamente, encadernarán os traballos empregando unha sinxela técnica artesanal.
Para unha información máis completa, podedes consultar as actividades no seguinte enderezo http://www.edu.xunta.es/web/node/14164
Recordade que a Consellería tamén promove a celebración do Día da Ilustración, que se conmemora o 30 de xaneiro coincidindo coa data do nacemento de Castelao.