Unha das lecturas propostas no Fiadeiro do último trimestre foi Ardalén, unha novela gráfica do coñecido autor Miguelanxo Prado. Este xénero innovador chamou a miña atención en canto ás viñetas que contiña, semellantes ás doutras obras do mesmo autor que xa tiña visto.
Trátase dunha novela gráfica, unha historia co mesmo valor literario ca unha novela tradicional. Recolle as características da novela, como poden ser a construción dunha atmosfera literaria envolvente, os tempos narrativos ou o desenvolvemento da acción e asemade engade aspectos visuais de grande calidade: ilustracións, debuxos ou gráficos.
Debemos diferenciala, polo tanto, do cómic: unha historia curta de publicación periódica, en serie ou en volumes distintos, e tradicionalmente dirixido a un público infantil ou xuvenil.
A novela gráfica Ardalén, Premio Nacional de Banda deseñada no ano da súa publicación (2012), conta a historia de Sabela, unha muller que intenta buscar as súas orixes pois hai un baleiro na súa vida debido á desaparición dun dos seus avós, emigrado en Cuba. Isto leva á protagonista a viaxar a unha pequena aldea de Galicia, onde coñece a Fidel, un ancián que podería saber algo da historia do seu avó. A ansia de Sabela porque este personaxe recorde dá lugar a unha estreita relación entre ambos. Unha experiencia onírica revélalle ao ancián parte da historia do avó de Sabela en Cuba, e a partir de aí a historia vaise precipitando cara ao seu final.
Podemos observar nesta obra unha especie de realismo máxico, polos recursos que o autor utiliza e polo xeito de contar a historia. O autor emprega elementos poéticos na presentación de Galicia e a súa paisaxe, así como o problema de memoria que se crea en torno a Fidel, que dá lugar a unha confluencia do real representado en Sabela e o onírico ou dubidoso por parte de Fidel. Miguelanxo presenta por tanto, unha visión ilustrada dos límites entre a realidade e a fantasía, o recordado ou inventado que atrapa ao lector e o introduce na historia dende o comezo do libro.
Persoalmente, a obra resultoume entretida e de fácil lectura, aínda que en ocasións teña unha compoñente marcadamente poética. As ilustracións fan máis amena a lectura e facilítanlle ao lector a tarefa de imaxinar tanto os personaxes como os ambientes ou paisaxes. Igualmente fíxome reflexionar sobre o real, o ficticio e os recordos: a memoria non é obxectiva, polo que non podemos saber se verdadeiramente somos o que recordamos ou se estes recordos se constrúen sobre imaxinacións ou idealizacións propias dos feitos.
Alba Montero Tembra, 2ºBI