Mais outra lectura en portugués no Fiadeiro.
Nun doce, coidado e tenro ton, Sophia de Mello revélanos a través da mirada inxenuizada de Isabel o fantástico mundo dos ananos.
Isabel, sen irmáns, vivía casa moi grande. Dende pequena aprendera a “brincar sozinha”, buscaba conversa nas árbores, nas flores, nas galiñas. O seu mundo tan grande e inabarcable, a casa coas salas que nunca se acaban de descubrir, as terras que nunca se acababan de percorrer, convertíanse no escenario dos seus xogos.
O paso do tempo viña marcado polos olores e as comidas, a primavera ulía a cereixas, o verán a figos, o outono a castañas e o inverno a frío, a xeada.
De máis cativa, con 7 anos, Isabel lera o conto de Branca de neve e durante meses dedicárase a buscar os ananos por todos os recunchos, debaixo de todos os cogomelos, de todos os troncos furados ata que aceptou a derrota: “é pena não haver anões”.
Mais agora, con 11 anos, atopábase diante dun estupendo fogar para os ananos. Acostumada a adaptar a súa realidade ao seu imaxinativo mundo fantástico, decidiu facer unha casiña alí, entre as raíces dunha vella árbore e imaxinar que os ananos a habitarían.
A súa máxima sorpresa foi descubrir a presenza dun destes seres míticos, desconfiado e teimoso ao principio e que máis tarde se converteu nun sabio e bo compañeiro de aventuras.
Despois dun ano de coñecérense, un ano no que o anano de 300 anos lle regalara todos os seus coñecementos de historia, matemáticas e ciencias, das súas aventuras de viaxes polo mundo, das peculiaridades do mundo dos ananos a cambio duns poucos doces, a calor dun cuarto no inverno e a atención e aprecio de quen lle gusta escoitar, o anano decidira que xa podía confiar nela e contoulle a súa propia historia.
E aquí vos deixo coa intriga, para que vos animedes a lelo.
Noa Rodríguez, 2ºBI.
OPINIÓN
O libro A Floresta é un libro fácil de ler pese a estar escrito en portugués xa que emprega un vocabulario básico, e moi próximo ao galego, por ser un obra para lectores novos.
Porén o seu carácter inocente e amable trata temas crus da realidade e da sociedade na que vivimos. Isto vese reflectido na presión que exercen os empresarios contra o investigador cando amosou o seu descubrimento. O monopolio dos empresarios poderosos é algo estendido na sociedade occidental, ata tal punto que nalgunhas das economías máis fortes e desenvolvidas do mundo funcionan os chamados “lobbies”. Estes colectivos son representantes das empresas máis poderosas que oprimen e coaccionan a todos os sectores da poboación e incluso ao poder político para conseguir un determinado fin. Isto queda plasmado de forma moi clara nos empresarios que visitan o laboratorio de Máximo e que -moi posiblemente- sexan os culpables da explosión do laboratorio.
Persoalmente gustoume o libro por iso. Pese a ser un libro infantil garda unha crítica á nosa sociedade. Tamén amosa como o poder non quere acabar coa pobreza e as situacións de desigualdade, senón que en moitos casos fai todo o posible para perpetuala.
Adrián Masa Rodríguez, 2º BI.