Arquivos diarios: Xuño 6, 2014

a floresta

download (2)

Mais outra lectura en portugués no Fiadeiro.

Nun doce, coidado e tenro ton, Sophia de Mello revélanos a través da mirada inxenuizada  de Isabel  o fantástico mundo dos ananos.

 Isabel, sen irmáns, vivía casa moi grande. Dende pequena aprendera a “brincar sozinha”, buscaba conversa nas árbores, nas flores, nas galiñas.  O seu mundo tan grande e inabarcable, a casa coas salas que nunca se acaban de descubrir, as terras que nunca se acababan de percorrer, convertíanse no escenario dos seus xogos.

O paso do tempo viña marcado polos olores e as comidas, a primavera ulía a cereixas, o verán a figos, o outono a castañas e o inverno a frío, a xeada.

De máis cativa, con 7 anos,  Isabel lera o conto de Branca de neve e durante meses dedicárase a buscar os ananos por todos os recunchos, debaixo de todos os cogomelos, de todos os troncos furados ata que aceptou a derrota: “é pena não haver anões”.

Mais agora, con 11 anos, atopábase diante dun estupendo fogar para os ananos. Acostumada a adaptar a súa realidade ao  seu imaxinativo mundo fantástico, decidiu facer unha casiña alí, entre as raíces dunha vella árbore e imaxinar que os ananos a habitarían.

A súa máxima sorpresa foi descubrir a presenza dun destes seres míticos, desconfiado e teimoso ao principio e que máis tarde se converteu nun sabio e bo compañeiro de aventuras.

Despois dun ano de coñecérense, un ano no que o anano de 300 anos lle regalara todos os seus coñecementos de historia, matemáticas e ciencias, das súas aventuras de viaxes polo mundo, das peculiaridades do mundo dos ananos a cambio duns poucos doces, a calor dun cuarto no inverno e a atención e aprecio de quen lle gusta escoitar,  o anano decidira que xa podía confiar nela e contoulle a súa propia historia.

E aquí vos deixo coa intriga, para que vos animedes a lelo.

Noa Rodríguez, 2ºBI.

OPINIÓN

O libro A Floresta é un libro fácil de ler pese a estar escrito en portugués xa que emprega un vocabulario básico, e moi próximo ao galego, por ser un obra para lectores novos.download (3)

Porén o seu carácter inocente e amable trata temas crus da realidade e da sociedade na que vivimos. Isto vese reflectido na presión que exercen os empresarios contra o investigador cando amosou o seu descubrimento. O monopolio dos empresarios poderosos é algo estendido na sociedade occidental, ata tal punto que nalgunhas das economías máis fortes e desenvolvidas do mundo funcionan os chamados “lobbies”. Estes colectivos son representantes das empresas máis poderosas que oprimen e coaccionan a todos os sectores da poboación e incluso ao poder político para conseguir un determinado fin. Isto queda plasmado de forma moi clara nos empresarios que visitan o laboratorio de Máximo e que -moi posiblemente- sexan os culpables da explosión do laboratorio.

Persoalmente gustoume o libro por iso. Pese a ser un libro infantil garda unha crítica á nosa sociedade. Tamén amosa como o poder non quere acabar coa pobreza e as situacións de desigualdade, senón que en moitos casos fai todo o posible para perpetuala.

 Adrián Masa Rodríguez, 2º BI.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Ardalén de Miguelanxo Prado

Unha das lecturas propostas no Fiadeiro do último trimestre foi Ardalén, unha novela gráfica do coñecido autor Miguelanxo Prado. Este xénero innovador chamou a miña atención en canto ás viñetas que contiña, semellantes ás doutras obras do mesmo autor que xa tiña visto.

 Trátase dunha novela gráfica, unha historia co mesmo valor literario ca unha novela tradicional. Recolle as características da novela, como poImaxeden ser a construción dunha atmosfera literaria envolvente, os tempos narrativos ou o desenvolvemento da acción e asemade engade aspectos visuais de grande calidade: ilustracións, debuxos ou gráficos.

Debemos diferenciala, polo tanto, do cómic: unha historia curta de publicación periódica, en serie ou en volumes distintos, e tradicionalmente dirixido a un público infantil ou xuvenil.

 A novela gráfica Ardalén, Premio Nacional de Banda deseñada no ano da súa publicación (2012), conta a historia de Sabela, unha muller que intenta buscar as súas orixes pois hai un baleiro na súa vida debido á desaparición dun dos seus avós, emigrado en Cuba. Isto leva á protagonista a viaxar a unha pequena aldea de Galicia, onde coñece a Fidel, un ancián que podería saber algo da historia do seu avó. A ansia de Sabela porque este personaxe recorde dá lugar a unha estreita relación entre ambos. Unha experiencia onírica revélalle ao ancián parte da historia do avó de Sabela en Cuba, e a partir de aí a historia vaise precipitando cara ao seu final.Imaxe

Podemos observar nesta obra unha especie de realismo máxico, polos recursos que o autor utiliza e polo xeito de contar a historia. O autor emprega elementos poéticos na presentación de Galicia e a súa paisaxe, así como o problema de memoria que se crea en torno a Fidel, que dá lugar a unha confluencia do real representado en Sabela e o onírico ou dubidoso por parte de Fidel. Miguelanxo presenta por tanto, unha visión ilustrada dos límites entre a realidade e a fantasía, o recordado ou inventado que atrapa ao lector e o introduce na historia dende o comezo do libro.

 Persoalmente, a obra resultoume entretida e de fácil lectura, aínda que en ocasións teña unha compoñente marcadamente poética. As ilustracións fan máis amena a lectura e facilítanlle ao lector a tarefa de imaxinar tanto os personaxes como os ambientes ou paisaxes. Igualmente fíxome reflexionar sobre o real, o ficticio e os recordos: a memoria non é obxectiva, polo que non podemos saber se verdadeiramente somos o que recordamos ou se estes recordos se constrúen sobre imaxinacións ou idealizacións propias dos feitos.

 Alba Montero Tembra, 2ºBI

 Imaxe Imaxe

Deixar un comentario

Arquivado en Recensión