O pasado martes 14 de xaneiro, unha semana despois das vacacións de Nadal, tivo lugar o encontro dos participantes no Fiadeiro literario Rosalía deste curso 2013-2014 con motivo da lectura da obra Da máquina, de Alberto Lema, a obra coa que eu me aventurei durante o Nadal. A pesares de non ter moita aceptación entre o alumnado do 4º curso da ESO, tivo moito éxito entre os alumnos do Bacharelato Internacional.
Dende o comezo da obra, é posible comprobar que se trata dunha novela renovadora, diferente e cunha personalidade única. Destacan un particular estilo narrativo, caracterizado pola abolición de moitos dos recursos formais xa asentados na literatura moderna e presentes na gran maioría de novelas, tales como os guións de diálogo ou as comiñas, así coma un cambio constante entre o narrador en estilo directo e indirecto. Aínda que isto pode parecer unha traba a unha lectura fluída, o certo é que o autor foi quen de conseguir unha narración clara, que non da lugar a equívoco e que verdadeiramente sorprende ao lector.
No que respecta ao argumento, xa a sinopse, que falaba da historia dunha máquina que é quen de tomar conciencia propia, prometía, e o certo é que non me decepcionou. Se ben era esperable que se tratase dunha novela de ciencia ficción, nas que a imaxinación do autor tende a sobrepasar con creces a estreita liña entre realidade e fantasía, o certo é que a historia que nos conta Alberto Lema resulta totalmente crible. A máquina non é en realidade unha máquina, senón un avanzado software que inicialmente se concibiu coma un programa de xadrez, mais o programa logrou desenvolver conciencia de seu e adquiriu a capacidade de aprender dos erros, coma se dunha mente humana se tratase. En verdade, non se chega a explicar a verdadeira localización da máquina, pero sospéitase que ela mesma se replicou e foi quen de ocultar infinidade de copias de si mesma por servidores de todo o mundo, sendo o seu centro de operacións case imposible de atopar.
A estrutura da novela semella non ter sentido ao comezo, ao conter historias aparentemente inconexas, pero pronto se observa que os protagonistas das historias non son máis que monicreques da máquina, que se fai pasar por unha persoa real en páxinas de xogos on-line e os leva a actuar para facer xustiza social. Así, dende unha perspectiva que na obra se chega a cualificar de comunista, a máquina actúa conforme a un propósito social, aínda que o seu plan de acción resulta impredicible. En ocasións actúa contra os avaros, coma acontece con Francisco Cruz, que é envelenado durante o seu aniversario, mentres que ás veces incita as persoas ao suicidio sen motivo aparente, coma ocorre con Daniel Gabor. En calquera caso, a máquina nunca mata, senón que son as persoas ás que convence as que acaban cometendo os crimes.
Por último, é salientable que moitos dos espazos nos que transcorre a trama da novela son perfectamente identificables dentro do territorio galego, dende o hostal dos Reis católicos, ata diversas rúas e prazas de Compostela, así como a cidade de Vigo. Isto, dende o meu punto de vista, aumenta a verosimilitude da acción, posto que a imaxinamos como se en verdade a historia estivese a acontecer na nosa propia cidade.
Joaquín Vila, 2º BI