Arquivos diarios: Marzo 27, 2014

Fiadeiro literario Rosalía

Co obxectivo de potenciar a lectura en galego xurdiu no curso 2008-2009 o Fiadeiro literario Rosalía. Trátase dunha actividade de Equipo de Normalización Lingüística do noso Instituto, dirixida por Miguel Ríos e Rosa López Gato.
O interesante dos clubs de lectura é a súa dimensión pública, pois alí escoitamos, discutimos e comparamos os nosos puntos de vista, as nosas sensibilidades, etc.

Dende o terceiro ano, introducíronse tamén libros en portugués, como un xeito de achegamento á Literatura e a Lingua portuguesa e foi todo un éxito, pois comprobamos cada ano que para nós -desde o galego- é posible ler unha novela en portugués e comprendela bastante ben. 

Neste club de lectura abordáronse moi diversos autores, dende escritores cunha obra consolidada en galego -coma Suso de Toro, Cunqueiro ou Ferrín, ata autores máis novos: Sechu Sende, Manuel Portas, Eva Moreda, Domingo Villar, etc. e no ámbito da literatura lusófona nomes de sona coma Ondjaki, João Ubaldo Ribeiro ou José Mauro de Vasconcelos co seu fermoso Meu pé de laranja lima.lusofonía
O funcionamento do fiadeiro é moi sinxelo: cada curso ponse unha selección de obras a disposición do alumnado, co que son eles mesmos os que elixen cal ou cales ler; despois coméntanse as lecturas nunha reunión de todos os participantes para intercambiar experiencias lectoras, ler con máis fondura e mellorar o criterio literario e mesmo propoñer novas lecturas.
A primeira reunión adoita facerse en outubro e despois cada dous meses aproximadamente; así que non rouba moito tempo e por iso recomendamos apuntarse a esta actividade. Desde este curso tamén se pretende facer unha viaxe de fin de semana polo país veciño: este ano será a Porto.
Ás veces, incluso é posible comentar algunha obra co autor, como aconteceu con Suso de Toro e mais con Ondjaki, que acudiron ao Fiadeiro. A este último autor fíxoselle unha entrevista que foi publicada no Regalía nº (revista do Equipo de Normalización).
Agora tamén iremos publicando neste blog as nosas recensións, impresións, etc.
E por último unhas fotos destes últimos anos:                                                                                                                                                                                                                                                                                             

OLYMPUS DIGITAL CAMERAOLYMPUS DIGITAL CAMERA

Joaquín Vila, 2º BI

Deixar un comentario

Arquivado en Actividades, Presentación