Arquivos diarios: Febreiro 12, 2014

Os fillos do mar

XG00189701

O que máis me aferrou aos Fillos do mar foi a sensación dunha Galicia apaixonante e aventureira e a inmanente percepción do mar en todo o seu esplendor como elemento desencadeante da trama.

Pedro Feijoo comeza descubrindo ante os nosos ollos un Simón Varela que nos guiará dende lugares inextricables, pasando polo fondo corazón dun Vigo contemporáneo ata a praia de Canido ou as Illas Cíes. É un personaxe certamente peculiar, que o autor describe como un antiheroe que debuxaba na súa nenez chemineas tortas, que estudou arquitectura en Barcelona e que rematou residindo na súa cidade natal -Vigo- cun caótico estudo.

Un día, de súpeto, Simón recibe unha inesperada chamada dunha das persoas máis ricas e poderosas da cidade, Isabel Llobet, para encargarlle a reconstrución dunha fonte con moito valor sentimental para ela. Simón acepta a oferta de traballo, pero o proxecto vese frustrado pola imprevisible morte da anciá en condicións moi sospeitosas.

No enterro de dona Isabel, Simón coñece a Mariña e a Xulio Ascanio, fillos da falecida, coa que non tiñan contacto dende había moitos anos;  comunícanlle que o seu nome aparece no testamento da súa nai, o que lle resulta máis que estraño ao noso protagonista. A anciá deixoulle unha lista de letras sen ningún tipo de relación coa que Simón terá que loitar ata conseguir comprendela.

Tras moitos acontecementos e indagacións, Simón chega á conclusión de que hai algo sen explicación na morte de Isabel e decide comezar a buscar a verdade xunto con Mariña, pola que sente algo dende o momento en que a coñeceu…

Neste libro podemos revivir a Batalla de Rande e experimentar a euforia por atopar o tesouro perdido que será o principal móbil da aventura, con cambios de identidade, sentimentos agochados e personalidades que finxen ser outras para salvar a vida dos que sofren as opresións do Réxime franquista.

Como lectora, a tensión increméntase cando parece que Mariña e Simón atoparán mil e unha moedas douradas. Porén, non todo é o que parece, terás que ler a novela para descubrir o final.

A miña opinión persoal do libro é moi positiva. Creo que o autor conseguiu que Galicia chegase a ser o escenario dunha aventura que atrae a moitos lectores de moi diversas idades e intereses e iso é algo que non moitos conseguen. Ademais, a presenza do mar gustoume moito porque une a todos os personaxes, todos teñen algunha que outra relación con este precioso océano ao que se abren as costas galegas.

Sara Morato Costa, 3ºD

Deixar un comentario

Arquivado en Recensión